dcsimg

Reo ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

O reo,[1][2] Salmo trutta truta, é un peixe anádromo da familia dos salmónidos; trátase dunha das formas de Salmo trutta, ou subespecie, segundo os autores.[3]

Considérase que é a forma raíz da especie Salmo trutta.

Ademais de como reo, esta forma ou subespecie coñécese co nome de troita maresa.[4]

Algúns chamárona tamén troita asalmoada, debido á súa forma de vida semellante á do salmón, porén hoxe en día este termo refírese a unha forma cultivada da troita arco da vella (Oncorhynchus mykiss).[4]

A súa característica máis chamativa é o seu corpo alargado, con forma de torpedo. Os flancos son de cor gris prateada ou gris verdosa; o ventre é branco.

Ao igual que todos os salmónidos ten unha aleta adiposa no lombo.

Aliméntase principalmente de pequenos peixes e invertebrados.

Taxonomía

A subespecie foi descrita por primeira vez en 1758 por Linneo na 10ª edición do seu Systema Naturae.

Ao longo do tempo foi coñecida por numerosísimos sinónimos:[3]

  • Fario argenteus Valenciennes, 1848
  • Fario trutta (Linnaeus, 1758)
  • Salar ausonii Valenciennes, 1848
  • Salar ausonii parcepunctata Heckel & Kner, 1858
  • Salar ausonii semipunctata Heckel & Kner, 1858
  • Salar ausonii var. parcepunctata Heckel & Kner, 1858
  • Salar ausonii var. semipunctata Heckel & Kner, 1858
  • Salar bailloni Valenciennes, 1848
  • Salar gaimardi Valenciennes, 1848
  • Salar spectabilis Valenciennes, 1848
  • Salmo albus Bonnaterre, 1788
  • Salmo albus Walbaum, 1792
  • Salmo brachypoma Günther, 1866
  • Salmo caecifer Parnell, 1838
  • Salmo cambricus Donovan, 1806
  • Salmo cornubiensis Walbaum, 1792
  • Salmo cumberland Lacepède, 1803
  • Salmo eriox Linnaeus, 1758
  • Salmo estuarius Knox, 1855
  • Salmo fario loensis Walbaum, 1792
  • Salmo fario major Walecki, 1863
  • Salmo fario var. forestensis Bloch & Schneider, 1801
  • Salmo faris forestensis Bloch, 1801
  • Salmo gadoides Lacepède, 1803
  • Salmo gallivensis Günther, 1866
  • Salmo islayensis Thomson, 1873
  • Salmo lacustris rhenana Fatio, 1890
  • Salmo lacustris romanovi Kawraisky, 1896
  • Salmo lacustris septentrionalis Fatio, 1890
  • Salmo levenensis Yarrell, 1839
  • Salmo mistops Günther, 1866
  • Salmo montana Walker, 1812
  • Salmo orcadensis Günther, 1866
  • Salmo orientalis McClelland, 1842
  • Salmo phinoc Shaw, 1804
  • Salmo polyosteus Günther, 1866
  • Salmo saxatilis Schrank, 1798
  • Salmo spurius Pallas, 1814
  • Salmo stroemii Gmelin, 1789
  • Salmo sylvaticus Gmelin, 1789
  • Salmo taurinus Walker, 1812
  • Salmo trutta Linnaeus, 1758
  • Salmo trutta ciscaucasicus Dorofeyeva, 1967
  • Trutta fluviatilis Duhamel, 1771
  • Trutta marina Duhamel, 1771
  • Trutta marina Moreau, 1881
  • Trutta salmanata Strøm, 1784
  • Trutta salmonata Rutty, 1772
  • Trutta trutta (Linnaeus, 1758)

E aínda hoxe está en discusión a taxonomía da especie Salmo trutta.

Salmón, reo, troita

Bioloxicamente a troita común ou de río e o reo forman parte dunha mesma especie, Salmo trutta: son formas ecolóxicas ou morfotipos da mesma especie, pero o reo presenta comportamentos que se asemellan máis aos do salmón (Salmo salar). O reo desova nos ríos para despois volver ao mar a buscar o alimento, como fai o salmón. Porén, o reo á capaz de alimentarse tamén en auga doce (algo que non fai o salmón). Ademais, a súa migración ao mar é menos intensa que a do salmón, xa que o reo non adoita afastarse moito dos ríos, sendo habitual nas zonas máis costeiras. Por outro lado, a súa aparencia física é moi similar á da troita, polo que en ocasións resulta moi complicado diferenciar entre ambos os peixes, sobre todo se os exemplares foron capturados no mesmo río (de feito, en estudos realizados en Galicia comprobouse a existencia de maiores diferenzas xenéticas entre reos de distintos ríos que entre troitas e reos dun mesmo río).[5]

Se o reo acaba de chegar ao río presenta unha coloración prateada que o diferenza, pero se leva xa en auga doce certo tempo, esta coloración prateada vai desaparecendo, facéndose cada vez máis semellante á da troita, e facendo a súa distinción moi complicada (de feito existen exemplares nos que resulta practicamente imposible saber se se trata dun reo ou dunha troita).[5]

Características

 src=
Debuxo de dous excemplares de reo.

O reo caracterízase polo seu corpo alongado, en forma de torpedo, e coa aleta dorsal erecta. A cabeza é máis pequena, comparativamente) que á da troita.

A súa coloración máis común é, no dorso e nos flancos, gris prateada ou gris verdosa, con abundantes pequenas manchas negras, non bordeadas de aréolas abrancazadas (nin con manchas vermellas, sobre todo cando entra nos ríos) como a troita de río; o ventre é abrancazado. Sobre o dorso presenta unha banda estreita (como unha raia) de cor escura.

A aleta caudal é pouco escotada.

 src=
Os reos son máis grandes que as troitas.

Normalmente os reos son máis grandes que as troitas. O seu tamaño medio é de 60 cm de lonxitude, pero en condicións de vida favorábeis pode chegar até os 130 cm, e pesar até os 20 kg. Aos 6 ou 7 anos pode alcanzar pesos de entre 3 a 4 kg; estes exemplares son os que se pescan normalmente e, sen dúbida, son os de máis calidade.

Ao igual que todos os salmónidos, o reo ten unha aleta adiposa situada entre a aleta dorsal e a caudal.

Os reos teñen os dentes como os da troita, é dicir, no maxilar, nos premaxilares, na lingua e no vómer, pero os do vómer son distintos que os da troita. Neste óso leva tres dentes transversais e un lonxitudinal, mentres que a troita común leva unha fileira de tres dentes transversais e dúas fileiras de dentes lonxitudinais.[4]

Algúns trazos que poden servir para diferenciar o reo da troita son os seguintes:[5]

  • Aleta anal: nas troitas, o bordo é escuro (case negro), mentres que nos reos é moito máis claro.
  • Aleta caudal: a das troitas é moi escotada, con perfil e “V”, mentres que nos reos é recta oui case recta.
  • A cabeza: a do reo adota ser máis pequena, proporcionalmente, que a da troita.
  • O reo, cando se colle na man, desprende unha gran cantidade de escamas, mentres que a troita non as desprende tanto.
  • As manchas do reo adoitan seren algo máis escuras que as da troita (que ademais teñen unha coloración un pouco máis rosada).
  • Pero para o pescador, a forma máis fiábel de diferenciación, é a loita que se produce cando a peza pica no anzol: se é encarnizada, defendéndose até a extenuación, tratarase sen dúbida dun reo; a troia tamén presenta batalla, pero nunca tan feroz como a do seu parente.

Distribución, hábitat e bioloxía

O reo distribúese nas costas do Atlántico nororiental, nos mares do Norte, Branco e Báltico, chegando polo norte desde a baía de Chosha (no mar de Barents en Rusia) até as rías galegas (España), polo sur, encontrándose tamén en Islandia, Escandinavia e nas desembocaduras dos ríos máis setentrionais da Gran Bretaña. Así mesmo habita no Mediterráneo até os mares Negro e Caspio, remontando os ríos Danubio e Volga.[6]

É unha especie moi adaptábel e ecoloxicamente plástica, que se pode encontrar tanto en aguas superficiais como en profundas, e de baixa salinidade. Habita no mar, preto da costa, e sobe polos ríos para desovar, cousa que fai no verán, sobre todo en agosto. Polos ríos sobe até onde pode subir, é dicir, até os encoros. A diferenza do salmón, que xeralmente non come nos ríos, onde unicamente vai desovar, o reo aliméntase tanto no mar como nos ríos. Outra diferenza entre estas especies é que o salmón normalmente non volve ao mar despois da desova (ás veces si volve, pero desde logo non vive como o reo na costa preto do río, senón que volve cruzar o Atlántico), mentres que o reo si volve unha e outra vez aos ríos.[4]

A partir de outubro, e até xaneiro, as femias poñen entre 1.000 e 2.000 ovos, dependendo do peso. A desova faise en pequenos ocos na grava do fondo. Os ovos son de cor amarela-alaranxada. Ao chegar a primavera, despois de 70 a 120 días da desova, os ovos eclosionan. As crías pasan entre un e cinco anos no río.[4][5]

 src=
Osmorregulación no reo.

Os reos xuvenís, chamados zancados, permanecen sempre ocultos en lugares profundos, pozas, entre pedras, raíces, ou árbores caídas.
Despois da súa primeira estancia no río baixan para o mar, e regresan despois de dous ou tres anos ao río para desovar.
Antes de ir para o mar prodúcese o chamado esguinado, que é un cambio fisiolóxico que se produce para soportar o cambio osmótico que representa o cambio do medio fluvial ao medio mariño. Este esguinado tamén se chama esmoltificación.[4][5]

Aliméntase principalmente de pequenos peixes (incluídos outros reos e troitas), anfibios e as súas larvas (como os cágados), insectos e as súas larvas (efemerópteros, dípteros e tricópteros) crustáceos e outros invertebrados. No mar come crustáceos, luras e outros cefalópodos e toda clase de invertebrados.[5]

Pode chegar a vivir até os vinte anos, pero o normal é que viva entre 8 e 10 anos.[4]

Estado de conservación

Segundo a UICN o estado de conservación desta subespecie en estado silvestre é de LC (preocupación menor). Porén, moitas das súas pobacións declinaron considerabelmente debido á contaminación.[6]

En Galicia

Galicia é a comunidade española na que existe unha maior presenza deste peixe, é a "terra dos reos" por excelencia.[5] Pódese pescar nos ríos Miño, Tambre, Sor, Eume, Mandeo e outros, sempre preto das desembocaduras.[4]

Pesca

Os individuos xuvenís, que aínda non baixaron ao mar (chamados zancados polos pescadores), a pesar de que en determinados momentos poden ser moi numerosos, carecen de valor para o pescador deportivo, xa que non presentan resistencia ningunha cando son capturados (e, ademais, a súa carne carece practicamente de valor gastronómico). É no regreso destes exemplares ao río (entre un e dous anos despois de viviren no mar), cando se converten nun auténtico reto para o pescador.[5]

O reo péscase sobre todo con dúas modalidades: con mosca e con risco. O risco é un cebo ou carnada artificial especialmente pensado para a pesca do reo. Foi desenvolvido polos pescadores galegos, país que, cono quedou dito, é a terra dos reos por excelencia. Inventouse hai xa anos, aínda que nos nosos días poden encontrarse riscos en case calquera tenda especializada en pesca en toda España, xa que resultou igualmente eficaz para a pesca do black-bass (Micropterus salmoides).[7]

O risco consiste esencialmente nun corpo de plástico atravesado por unhas fibras ríxidas e armado cun anzol triplo. A súa eficacia está máis que demostrada, aínda que moitos opinan que se debe máis á forma de utilizalo que ao propio engado. Así, a pesca con risco é toda unha arte na que o pescador deberá saber lanzar correctamente e, o que é máis importante, recoller o cebo de tal maneira que faga traballar as súas fibras a través das correntes.

Grastronomía

Pouco é o que nos di Álvaro Cunqueiro do reo. Despois de falarmos do salmón, conta que:

Tamén sube os nosos ríos outro salmónido, o reo, a "trout of sea" dos ingleses, o "salmo trutta", emigrante coma o salmón, e que é pescado nos esteiros e nos ríos, e tamén nas rías. O macho é moi fermoso. Hai moitos que o prefiren ao salmón, porque ten as carnes máis liviáns. E todo o que lle vaia ben ao salmón, na cociña, vaille ao reo. Quizaves os millores sexan os que, polo tempo da sega, suben o Mandeo, deica a presa de Chelo, en Betanzos, e queren brincar alí a escada salmoneira. E son escelentísimos os que veñen remontar o río Ouro en Fazouro, nos primeiros días de agosto, cando é na vila de Foz a festa de San Lourenzo.
A. Cunqueiro. A cociña galega, p. 93.

Entre os moitos que prefiren o reo ao salmón está o discípulo de Cunqueiro, Jorge-Víctor Sueiro, de quen seu mestre deixou dito «que botara sobre os seus ombros a tarefa, nada fácil, de explicarnos como se come en Galicia». Sobre o noso peixe Sueiro declara:

Do reo, xa lles dixen, son máis partidario que do salmón. A literatura que se pode facer en torno a este peixe, fermoso e forte como o seu compañeiro, é practicamente a mesma que a do salmón, posto que o seu ciclo vital corre parello.
(Traducido de J.-V. Sueiro, Comer en Galicia, p. 123.

Pero non di nada novo, xa que, despois, di que «copiarei a Cunqueiro que, como en calquera outra ocasión, ten as mellores palabras para alabalo», limitándose a trascribir o comentario antecidado.

Notas

  1. reo2 no dicionario da RAG.
  2. Lahuerta, F. e Vázquez, F. X. (2000), p. 61.
  3. 3,0 3,1 Salmo trutta trutta Linnaeus, 1758 no WoRMS.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 Salmo trutta trutta. Reo en Ríos Galegos.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 El reo, ¿salmón o trucha? a-alvarez.com.
  6. 6,0 6,1 Salmo trutta na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2014.2 Consultada o 30 de agosto de 2014.
  7. O black-bass ou perca americana é un peixe da orde dos perciformes e familia dos centrárquidos orixinario de Norteamérica e que, a partir do século XX, foi introducida en España e noutras partes do mundo, onde se considera invasora.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Bernatchez, L. (2001): "The evolutionary history of brown trout (Salmo trutta L.) inferred from phyleogeografic, nested clade, and mismatich analyses of mitochondrial DNA variation". Evolution 55: 351-379.
  • Cunqueiro, Álvaro (1973): A cociña galega. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154.181-5.
  • Lahuerta, F. e Vázquez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  • Nelson, J. S. (2006): Fishes of the World. 4th ed. New York: John Wiley and Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Piñeiro, Miguel (2004): La pesca tradicional del reo en Galicia: metodología y lugares de captura. Madrid: Ediciones Tutor. ISBN 978-84-7902-430-7.
  • Rodríguez Villanueva, X. L.; Xavier Vázquez e Henrique Álvarez Escudero (1995): Peixes do mar de Galicia. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.
  • Sueiro, Jorge-Víctor (1981): Comer en Galicia. Madrid: Penthalon Ediciones. ISBN 84-8537-32-8.

Outros artigos

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician

Reo: Brief Summary ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

O reo, Salmo trutta truta, é un peixe anádromo da familia dos salmónidos; trátase dunha das formas de Salmo trutta, ou subespecie, segundo os autores.

Considérase que é a forma raíz da especie Salmo trutta.

Ademais de como reo, esta forma ou subespecie coñécese co nome de troita maresa.

Algúns chamárona tamén troita asalmoada, debido á súa forma de vida semellante á do salmón, porén hoxe en día este termo refírese a unha forma cultivada da troita arco da vella (Oncorhynchus mykiss).

A súa característica máis chamativa é o seu corpo alargado, con forma de torpedo. Os flancos son de cor gris prateada ou gris verdosa; o ventre é branco.

Ao igual que todos os salmónidos ten unha aleta adiposa no lombo.

Aliméntase principalmente de pequenos peixes e invertebrados.

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician

Salmo trutta ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

Salmo trutta é unha especie de peixe osteíctio, a máis estendida das da familia dos salmónidos.

Taxonomía

A especie foi definida en 1758 por Linneo na 10ª edición do seu Systema Naturae. Ao longo do tempo foi coñecida polos sinónimos seguintes:[1]

  • Salar ausonii parcepunctata Heckel & Kner, 1858
  • Salar ausonii semipunctata Heckel & Kner, 1858
  • Salmo faris forestensis Bloch, 1801
  • Salmo trutta ciscaucasicus Dorofeyeva, 1967

Subespecies

Aínda que suxeita nos últimos anos a continuas variacións e estudos de parentesco entre formas e subespecies, podemos considerar as seguintes subespecies da troita común:[Cómpre referencia]

Porén, no World Register of Marine Species admítense tres subespecies:[1]

  • Salmo trutta fario Linnaeus, 1758
  • Salmo trutta macrostigma (Duméril, 1858)
  • Salmo trutta trutta Linnaeus, 1758

Anatomía

A súa cor nos ríos é marrón máis escura no lombo, cara aos flancos un marrón dourado e remata na súa rexión abdominal. cunha cor branca amarelada. Ten pintas repartidas no seu corpo, na parte superior son verdes ou marróns e nos costados mestúranse con pintas vermellas envoltas en círculos pálidos. É moi corpulenta e chegáronse a ver exemplares de até 14 kg.

Hábitat

Provén de Europa e é a máis salvaxe de todas e demóstrao defendendo o seu territorio con agresividade. Atópase en gran cantidade de ambientes. Aliméntase de insectos acuáticos e terrestres (estados larvais e adultos), crustáceos e os exemplares adultos son grandes consumidores de peixe.

É a especie de troita favorita dos pescadores deportivos, debido a que vive en ambientes pouco accesibles, onde ás veces é difícil chegar cun reclamo, sumándose a isto, as súas características de modalidade esquiva, impredicible, agresiva e enormemente astuta, que a fan difícil de enganar, configurando a súa captura como un feito realmente especial.

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 Salmo trutta Linnaeus, 1758 no WoRMS.
  2. troita no dicionario da RAG.
  3. 3,0 3,1 Lahuerta, F. e Vázquez. F. X. (2000), p. 60.
  4. reo,2 no dicionario da RAG.
  5. 5,0 5,1 Lahuerta, F. e Vázquez, F. X. (2000), p. 61.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Clover, Charles (2004): The End of the Line: How Overfishing Is Changing the World and What We Eat. London: Ebury Press. ISBN 0-09-189780-7
  • Heacox, Cecil E. (1974): The Complete Brown Trout. ISBN 0-87691-129-7
  • Lahuerta, F. e Vázquez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  • Nelson, J. S. (2006): Fishes of the World. 4th ed. New York: John Wiley and Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Rodríguez Villanueva, X. L.; Xavier Vázquez e Henrique Álvarez Escudero (1995): Peixes do mar de Galicia. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.

Outros artigos

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician

Salmo trutta: Brief Summary ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

Salmo trutta é unha especie de peixe osteíctio, a máis estendida das da familia dos salmónidos.

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician

Troita ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

A troita,[1] Salmo trutta fario, é un peixe osteíctio de auga doce, unha forma de Salmo trutta, ou subespecie, segundo os autores.[2]

Taxonomía

Descrición

A subespecie foi descrita por primeira vez en 1758 por Linneo na 10ª edición do seu Systema Naturae.

Sinónimos

Ao longo do tempo tamén foi coñecida polos sinónimos:[2]

  • Salmo fario (Linnaeus, 1758)
  • Salmo faris
  • Trutta fario (Linnaeus, 1758)

Clasificación

As troitas do norte de Italia foron clasificadas como Salmo cenerinus.[3] Pero recentes investigacións bioxeográficas e moleculares do ADN mitocondrial demostraron que este taxon non era válido xa que entraría na variabilidade da aínda non descrita troita mediterránea Salmo mediterraneus. Cómpre ter en conta que esta suposta especie é xeneticamente idéntica a Salmo cettii (troita sarda) do centro-sur da península italiana, polo que se pode supoñer que a súa coloración sexa un carácter fenotípico e non xeneticamente determinado.[4][5]

Características

 src=
Troita no momento de ser capturada coa técnica da mosca artificial.

A troita é unha especie morfoloxicamente moi semellante ao salmón, de corpo alongado, comprimido nos flancos, coa cabeza robusta, aguzada cara á boca, dotada de fortes dentes; diferénciase do seu parente, á parte do tamaño, pola constitución do corpo, que é máis forte, curto e alto.[6]

Os maxilares superan o nivel da marxe posterior do ollo. As aletas pectorais e caudal son moi robustas, e as aletas pelvianas e anal pequenas, esta última oposta á adiposa, que está moi atrasada.[6]

A lonxitude varía xeralmente nos cursos de auga nos que habita. Nos regatos e pequenos ríos de montaña non supera case os 30 cm e os 300 g de peso; nos ríos máis grandes dos vales, e nos lagos, onde a riqueza da ictiofauna é maior, algúns exemplares poden alcanzar pesos considerábeis, de entre os 5 e os 7 kg. Porén, en Galicia non adoitan acadar máis de 40 cm de lonxitude e 1 kg de peso.[7]

A coloración é extremadamente variábel, para mimetizárense co contorno. Normalmente o dorso e os flancos son apardazados con manchas negras ou vermellas, aureoladas ou non de claro.[6]

As troitas que viven nos lagos presentan un aspecto semellante ao do reo (Salmo trutta trutta).

Distribución, hábitat e bioloxía

 src=
Troita no río Moldava en Praga.

Encóntrase en case toda Europa, desde Noruega, Suecia, Finlandia e o norte de Rusia até España, o norte de Portugal, Francia, Suíza, Eslovenia Croacia, Serbia e Romanía, e foi introducida no norte de Italia.[8] Hoxe en día, e debido ás repoboacións, pode acharse case en calquera lugar.

Vive en cursos de auga rápidos e fríos, claros, ben oxixenados; nos meses invernais xeralmente baixo cataratas, fervenzas e cachóns, co fociño cara á corrente á espreita das súas presas, mentres que en verán permanece no fondo agardando polos insectos que pousan na superficia da auga, dos que se alimenta.

Pero non só come insectos, senón tamén outros invertebrados, como pequenos crustáceos, e tamén pequenos peixes.[7]

Reprodúcese nos meses invernais, entre novembro e febreiro, poñendo de 80 a 1.600 ovos.[7]

Pesca

 src=
Troita acabada de pescar.

A troita é a especie de peixe máis abundante nos ríos de Galicia, aínda que parece ser menos común na provincia de Ourense debido ás numerosa alteracións dos leitos.[7]

Dado que este peixe é un depredador, captúrase con larvas de insectos, con miñocas de terra e mariños (como o poliqueto Arenicola marina) e con peixes vivos ou mortos, de auga doce e auga salgada (que non deben exceder os 5 cm de longo para que se poidan enganchar no anzol máis facilmente.

Tamén se pesca coas técnicas da pesca con mosca e da pesca con culleriña.

A súa carne é moi apreciada.

Ademais, é unha peza moi apreciada tamén pola súa suspicacia, xa que require a máxima atención para a súa pesca.

Estado de conservación

Segundo a UICN o estado de conservación desta subespecie en estado silvestre é de LC (preocupación menor). Porén, moitas das súas pobacións lacustres declinaron considerabelmente debido á contaminación.[8]

A troita na gastronomía galega

Dicía o mestre Álvaro Cunqueiro que

Galicia é o país dos dez mil ríos: algúns son grandes, outros medianos, outros pequenos, outros regatos que baixan dos montes ás valiñas e vales, e que nunha parte do curso seu atorrentan e brincan, escumexan, e noutras rermansan e apozan.
Cunqueiro, Á. A cociña galega, p. 89.

Proseguindo:

Coma o océano é fértil en peixe, so ríos glegos sóno en troitas. A máis corrente é a "salmo fario", que vive sempre nos ríos e nunca naixa ao mar, (...) As millores troitas son as de abril deica se veda a pesca. As máis grandes non son as máis sabrosas. Unha troita de dez centímetros de longo está moi ben. O millor é fritilas, e no país deuse cunha grande invención, que é botar no maceite en que se friten uns cachiños de unto. A troita fritida mesmo pide unha ensalada de leituga. Si non hai unto á man, pódense botar no aceite, na tixela, unhas lonchiñas de xamón, co blamco, e si está algo rancio, millor. Aínda que nalgúns lugares empanan a troita, a verdade é que non lle dá gosto ao pan, e coido que seña a peor das empanadas.
Cunqueiro, Á. A cociña galega, p. 94.

Pola súa parte, o seu discípulo Jorge Víctor Sueiro cóntanos que

En Galicia, con centenares de ríos trucheiros, a afeizón a esa pesca é enorme e todos os anos, ao seu tempo, miles de afeizoados pescadores saen con canas e trebellos á busca dos delicados e requintados peixes. Cada tempada, polo que me din, a pesca da troita ponse máis difícil. Mais aínda, porén, pode un "encargar" aos expertos, aos vellos e sabios pescadores, unha "troitada", de non importar demasiado o que nos custe. (...).
(traducido de Sueiro. J-V. Comer en Galicia, p. 113.)

Em canto á forma de preparalas, relata que unha noite en Mondoñedo, no curso dunha pantagruélica cea cun grupo de amigos,

Fan a súa aparición as troitas es seis sabores: fritidas en unto de porco, encamisadas en xamón, escabachadas, con maionesa, empanadas e... non lles digo maís que para "El Capellán", de Viloalle, as troitas sí están boas con arroz...
(traducido de Sueiro. J-V. Comer en Galicia, p. 18.)

Máis adiante inclúe dúas das recitas de troitas que lle facilitou "El Capellán":

Troitas adobadas. Ao limpar as troitas hai que deixarlles a vea que segue a espiña. Prepárase un mallado a base de allo, pemento moído doce e un airiño de picante, perexil, aceite e vinagre.Ben untadas con este adobo permanecen as troitas durante unha hora. NMa tixola mesturase aceite e unto de porco ao cincuenta por cen. Cando a temperatura está tan alta que "esté doente", frítense,
Troitas con arroz. Prepárase un arroz con tomate, pemento verde e azafrán e, cando está cercano ao punto, incorpóranse as troitas adobadas [ao xeito da receita anterior]. Para "El Capellán" este "elle un plato que sabe coma mel". (...) (pero el non se fiaría...).
(traducido de Sueiro. J-V. Comer en Galicia, p. 230.)

A troita na cultura popular galega

Refraneiro

  • A muller e a troita pérdense pola boca.
  • A troita e o unto canto máis vellos millor.
  • A troita pra que che guste ha de ter sete efes: fresca, fría, frita, fiada, fragosa, fea e femia.[9]
  • Ende vindo o perdigón, perde a troita sazón.
  • Non se pillan as troitas coas bragas enxoitas.
  • O que troitas quer pescar, as calzas ten que mollar.
  • Troita cara non é sana.
  • Troita de hoxe; pan, de onte; carne, de antronte.

Cantigueiro

  • Polo río abaixo vai/ unha troita de pé,/ quen a poidera pillar,/ quen a poidera coller,/ quen a poidera coller,/ quen a poidera pillar,/ polo río abaixo vai/ unha troita a nadar.
  • Vaite á merda, vaite á merda,/ cara de troita lambeta/ que na punta do zapato/ levo un corno que che meta.

Fraseoloxía

  • Ter moita troita: Sarmiento recolleu esta expresión co significado de ter moita picardía, e engade que “Creo que es la treta castellana”.
  • Estar coma a troita na auga, dise a quen vive comodamente.
  • Picado da troita: dise de quen ten pencas na cara. Mancha ou marxa da troita é a propia penca.

Notas

  1. troita no dicionario da RAG.
  2. 2,0 2,1 Salmo trutta fario Linnaeus, 1758 no WoRMS.
  3. Kottelat M. & Freyhof J. (2007): Handbook of European Freshwater Fishes, Publications Kottelat, Cornol (CH), pp. 401-430.
  4. Bernatchez, L. (2001): "The evolutionary history of brown trout (Salmo trutta L.) inferred from phyleogeografic, nested clade, and mismatich analyses of mitochondrial DNA variation". Evolution, 55: 351-379.
  5. Gibertoni, P. P.; Penserini, M.; Esposito, S.; Leonzio, C.; Radi, M. & Querci, G. (2010): "Ipotesi di distribuzione originaria delle popolazioni di salmonidi nativi per le acque italiane". Atti del XII congresso AIIAD, S. Michele dell'Adige (Tn), 6-7 giugno 2008. Studi Trentini di Scienze Naturali – Acta Biologica.
  6. 6,0 6,1 6,2 Rodríguez Villanueva et al. (1995), p. 368.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Rodríguez Villanueva et al. (1995), p. 369.
  8. 8,0 8,1 Salmo trutta na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2014.2 Consultada o 30 de agosto de 2014.
  9. ’’Fragosa’’ quere dicir que vive en augas batidas, con penedos.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Cunqueiro, Álvaro (1973): A cociña galega. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-181-5.
  • González Pérez, Clodio (1988): "O refraneiro do mar", en Coloquio de etnografía marítima, cap. 12, pp. 137–147. Santiago: Museo do Pobo Galego.
  • Lahuerta, F. e Vázquez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  • Nelson, J. S. (2006): Fishes of the World. 4th ed. New York: John Wiley and Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Piñeiro, Miguel (2004): La pesca tradicional del reo en Galicia: metodología y lugares de captura. Madrid: Ediciones Tutor. ISBN 978-84-7902-430-7.
  • Rodríguez Villanueva, X. L.; Xavier Vázquez e Henrique Álvarez Escudero (1995): Peixes do mar de Galicia. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.
  • Santamarina, Antón (2003): Dicionario de Dicionarios. A Coruña / Santiago: Fundación Pedro Barrié de la Maza / Instituto da Lingua Galega.
  • Sueiro, Jorge-Víctor (1981): Comer en Galicia. Madrid: Penthalon Ediciones. ISBN 84-8537-32-8.

Outros artigos

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician

Troita: Brief Summary ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

A troita, Salmo trutta fario, é un peixe osteíctio de auga doce, unha forma de Salmo trutta, ou subespecie, segundo os autores.

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician