dcsimg

Sorícidos ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

A dos sorícidos (Soricidae) é unha familia de mamíferos placentarios da orde dos soricomorfos,[1] que reúne numerosas especies coñecidas vulgarmente como musarañas[2], muraños,[3][4] murgaños (ou morgaños),[5] furaños[6][7] e furafollas.[8][9]

Son animais de pequeno tamaño que se encontran en todo o mundo, agás en Australia, Oceanía, as rexións mais próxiomas aos polos e na maior parte de Sudamérica,[10] e que se caracterizan polos seus pequenos ollos e por presentaren un longo fociño con vibrisas (bigotes) moi sensíbeis.

Na súa forma e tamaño son similares aos ratos, pero non son roedores, senón que están emparentados coas toupas, aínda que recentemente suxeriuse que teñen unha relación xenética máis próxima cos ourizos. Durante moito tempo estiveron incluídos na hoxe desbotada orde dos insectívoros.

Morfoloxía

Todas as musarañas son comparativamente pequenas, varias apenas alcanzan o tamaño dun rato doméstico.

A especie máis grande deste grupo, do tamaño dunha rata, é a especie Suncus murinus, da Asia tropical, que mide cerca de 15 cm e un que pode chegar aos 100 g.[11]

No outro extremo está Suncus etruscus, cunha lonxitude de entre 3,5 e 5 cm e un peso de 1,8 a 3 g, que quizais sexa o mamífero máis pequeno que existe.[12]

A cabeza presenta un fociño longo e afiado, en forma de trompa, que sobrepasa moito o nivel dos incisivos.[10][13]

O seu cranio é alongado, e carece de arcos zigomáticos; as sús suturas fusiónanse moi cedo.[12]

A súa fórmula dentaria é: 1.3.5.1.3 / 1.1.1.3 = 28-32.[10]

Un dos incisivos do maxilar inferior está moi desenvolvido, e ás veces presenta cúspides adicionais no seu bordo cortante.
O incisivo anterior do maxilar superior está curvado cara a abaixo e é bifurcado, formando unha especie de tences co inferior, que serven para capturar e suxeitar ás súas presas.
Os premolares, excepto o posterior (P4), mostran unha tendencia á redución.
O premolar posterior é grande e molariforme.
En moitas especies as cúspides dos dentes presentan unha coloración escura.[12]

Os ollos xeralmente son moi pequenos, pero nunca están cubertos pola pel.
As orellas, sempre prsentes, son tamén polo xeral pequenas, e frecuentemente están cubertas na súa maior parte pola pelaxe.[10][12]

A cola, aínda que longa, é habitualmente mís curta que a lonxitude conxunta da cabeza e o tronco.[10]

Bioloxía

Hábitat e distribución

Hábitat

As musarañas viven en lugares moi diversos, incluso en desertos, rexións cricumpolares e augas correntes. Aínda que las hai semiacuáticas, a mayoría das case 400 especies de musarañas coñecidas son terrestres. Prefiren os lugares con ceerta humidade, así como os terreos pedregosos con abundante vexetación. Habitan predominantemente ao abeiro da vexetación baixa, entre a follaxe de árbores e arbustos, en bosques caducifolios, límites de campos de cultivo, pozas, bordos de camiños, pasteiros con herba cortada, etc.[10]

Distribución

As musarañas distribúense por case toda a Terra firme, e só está ausentes de Australia, Oceanía, as rexións máis próximas aos polos e da maior parte de Sudamérica.[10]

Costumes

Alimentación

Son os mamíferos máis activos que existen. Animais solitarios cazan os seus alimentos tanto de día coma de noite. Moitas das especies, en especial as europeas, comen o seu propio peso en insectos diariamente, e poden chegar a morrer se pasan máis de catro horas sen comer, por iso se alimentan cada 2 ou 3 horas e viven en lugares onde o alimento abunda. O seu alimento baséase en invertebrados e, ás veces, poden aproveitar prea, e poden chegar a cazar e comer pequenos vertebrados tales como trilladeiras, ratos de campo, lagartas e incluso (en casos excepcionais) ratas.[10]

Algunhas especies de musaraña teñen saliva velenosa que usan para paralizar presas pequenas, como insectos e miñocas, ao igual que as toupas.[12]

Inimigos

A maioría das especies deféndense dos seus depredadores mediante unhas glándulas odoríferas nos flancos, e que son especialmenmte visíbeis no machos, que producen un olor almiscrado desagradábel,[13] que os fai un prato pouco atractivo para animais co bo olfacto, como cans e mapaches, aínda que algúns mamíferos as cazan e despois as deixan abandonadas a causa do seu cheiro. Porén, son depredadas principalmente polas aves, que teñen un sentido do olfacto débil, especialmente polas curuxas e as rapaces diúrnas.[10]

Reprodución

Escavan tobos, que tapizan con vexetación, e teñen alí ás súas crías, unhas seis por parto, que nacen sen pelo. A xestación ten unha duración de entre 27 e 33 días, normalmente menos de 30. A súa vida é breve, de apenas un ano, sendo os mamíferos con menor lonxevidade, aínda que en catividade poden vivir até catro anos.

Taxonomía

Descición da familia

A familia dos Sorcicidae foi descrita en 1814 polo zoólogo e paleontólogo saxón, nacionalizado ruso, Gotthelf Fischer von Waldheim, en Zoognosia tabulis synopticis illustrata, in usum prälectionum Academiae Imperialis Medico-Chirurgicae Mosquentis edita, 3: x.[1]

Sinónimos

Ademais de polo nome que lle impuxo G. Fischer , e actualmente válido, o grupo coñeceuse polos sinónimos (que non son de familia):[1]

Etimoloxía

O nome científico da familia, Soricidae, está formado normalmente engadíndolle á raíz soric-, xenitivo do nome do seu xénero tipo, Sorex, a desinencia ´-idae, propia dos nomes das familias de animais, tirada do grego antigo εἴδος eídos, "aspecto", "aparencia", "forma".

En canto a Sorex, está tomado do latín sōrex, -icis, "rato", e tamén "musaraña".

Clasificación

Con 368 especies, a dos Soricidae é a máis grande familia de soricomorfos (e de todos os chamados insectívoros). Este gran número de especies distribúense en 26 xéneros, agrupados nas tres subfamilias existentes actualmente: Crocidurinae, Myosoricinae e Soricinae.[14]

Desde o punto de vista da diversidade de especies, a familia das musarañas é a cuarta dos mamíferos, superada só polas familias dos Muridae e os Cricetidae, que forman parte dos roedores (da superfmailia dos Muroidea), e a familia dos Vespertilionidae, dos morcegos.

Familia Soricidae

En Galicia

En Galicia estás rexistradas sete especies de sorícidos, pertencentes a tres xéneros, Crocidura (2 especies), Neomys (2 especies) e Sorex (3 especies).[15][16]

Nomes galegos

Aínda que a Real Academia Galega denomina musaraña a todas as especies da familia os sorícidos: «Mamífero insectívoro da familia dos sorícidos, de tamaño moi pequeno, semellante a un rato, co fociño longo e afiado, e pelame brillante e curto e do que existen diversas especies»,[2] admitindo como sinónimo muraño,[3] os especialistas da Sociedade Galega de Historia Natural acordaron, seguindo os criterios dos expertos en nomes vulgares, que recomendan, sempre que isto sexa posíbel —e, cando non hai nomes vernáculos suficientes, adaptar ao idioma o termo latino corresponente—, utilizar un nome común para cada xénero,[17] acordaron asingar un nome común diferente para as especies de cada un dos tres xéneros, aplicando un nome específico facendo alusión a algunha das características, morfolóxicas, de hábitat, etc. de cada unha das especies. E así temos:

Notas sobre os nomes galegos

Nota 1. Aínda que o dicionario en liña da RAG non recolle (polo de agora) o nome furaño, esta voz si se recolle en varios dicionarios galegos modernos por diverdas autoridades, con varios significados, e —no caso concreto que aquí nos ocupa— aparece nos de Leandro Carré Alvarellos (1951): Diccionario galego castelán. Terceira Edizón, A Coruña, Roel; Eladio Rodríguez González (1958): Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo; Xosé Luís Franco Grande (1972): Diccionario gallego-castellano, 2ª ed. Galaxia, Vigo, e Leandro Carré Alvarellos (1979): Diccionario galego-castelán e Vocabulario castelán-galego. A Coruña, Moret, nos catro coas mesmas equivalencias para o castelán: «Musaraña común», e «Ratoncillo del campo».[18]

Esta musaraña común castelá é sen dúbida a especie Crocidura russula,[19][20]. En canto ao ratoncillo del campo probabelmente se trate do rato de campo (Apodemus sylvaticus), roedor da familia dos múridos.

Nota 2. En cambio, a voz furafollas si esta recollida do dicionario da RAG, pero cos significados:

substantivo masculino
1 (Phylloscopus collybita) Paxaro da familia dos sílvidos, coa parte superior do corpo verdosa, a gorxa e os laterais do peito amarelos, o ventre abrancazado e as patas marróns escuras. Os rechouchíos dos furafollas distínguense ben. SINÓNIMO picafollas
substantivo
2 Persoa esperta e inquieta.
É un furafollas que se adapta a calquera situación.[21]

Pero na obra Apéndice ó Dicionaro de Eladio Rodríguez (VV. AA., 1961) e máis na segunda edición do Diccionario de Franco Grande defínese furafollas como «Musaraña. Persona viva y ligera que no para en un sitio ni está quieta un solo instante».[22]

Polo tanto, cómpre encontrar unha maneira de diferenciar, en obras de divulgación de zooloxía, estas "musarañas" dos "paxaros do xénero Phylloscopus" (e tamén das outras musarañas). E isto fíxose na SGHN, que denoimna as aves co sinónimo picafollas da Academia, reservando furafollas para os sorícidos do xénero Sorex.

Galería dos sorícios galegos

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 Soricidae G. Fischer, 1814 en MSW.
  2. 2,0 2,1 musaraña no dicionario da RAG.
  3. 3,0 3,1 muraño no dicionario da RAG.
  4. Díaz d'a Silva et al. (2007), pp. 36-39.
  5. SGHN (1995), pp. 199-202.
  6. SGHN (1995), pp. 205-207.
  7. Díaz d'a Silva et al. (2007), pp. 38-41.
  8. SGHN (1995), pp. 194-197.
  9. Díaz d'a Silva et al. (2007), pp. 34-37.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 10,6 10,7 10,8 Schilling, D. el al. (1987), p. 19.
  11. Louch, C. D.; Ghosh, A. K.; Pal, B. C. (1966): "Seasonal Changes in Weight and Reproductive Activity of Suncus murinus in West Bengal, India". Journal of Mammalogy 47 (1): 73–78.
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 Kowalski, K. (1981), pp. 282-283.
  13. 13,0 13,1 Van den Brink, F. H. et al. (1971), p.30.
  14. Wilson, D. E.; Reeder, D. M. (2011). "Class Mammalia Linnaeus, 1758. In: Zhang, Z.-Q. (ed.) Animal biodiversity: An outline of higher-level classification and survey of taxonomic richness" (PDF). Zootaxa 3148: 56–60.
  15. SGHN (1995), pp. 194-208.
  16. Díaz d'a Silva et al. (2007), pp. 34-40.
  17. Federico Puente Amstoy (1956): "Nombres vulgares de animales y plantas" en Munibe. Suplemento de Ciencias Naturales de la Real Sociedad Vascongada de Amigos del País.
  18. furaño en USC. Instituto da Lingua Galega: Dicionario de Dicionarios.
  19. Van den Brink et al. (1971), p. 41.
  20. Schilling, D. et al. (1987), p. 21.
  21. furafollas no dicionario da RAG.
  22. furafollas no Dicionario de Dicionarios.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Díaz d'a Silva, J. I. e Cartelle, Y. (2007): Guía dos mamíferos de Galicia. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96893-20-7.
  • Kowalski, K. (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
  • Kriegs, J. O. et al. (2007): "Evolutionary history of 7SL RNA-derived SINEs in Supraprimates". Trends Genet. 23 (4): 158–161.
  • McKenna, M. C. & Bell, S. K. (1997): Classification of Mammals: Above the Species Level. New York: Columbia University Press. ISBN 0-231-11013-8.
  • Madsen, O.; Scally, M.; Douady C. J. et al. (2001): "Parallel adaptive radiations in two major clades of placental mammals". Nature 409 (6820): 610–614.
  • Martin, Robert D. (1984) en: Macdonald, D., ed. The Encyclopedia of Mammals. New York: Facts on File. ISBN 0-87196-871-1, pp. 126–127.
  • Murphy, W. J. et al. (2001): "Molecular phylogenetics and the origins of placental mammals". Nature 409 (6820): 614–618.
  • Schilling, D.; D. Singer & H. Diller (1987): Guía de los mamíferos de Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-0784-4.
  • SGHN (1995): Atlas de vertebrados de Galicia. Tomo I. Peixes, Anfibios, Réptiles e Mamíferos. Santiago de Compostela: Sociedade Galega de Historia Natural / Consello da Cultura Galega. ISBN 84-87172-89-X.
  • Van den Brink, F. H. & Barrel, P. (1971): Guía de campo de los mamíferos salvajes de Europa occidental. Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
  • Vaughan, T. A. (1986): Mammalogy. Third Edition. Fort Worth, Texas, USA: Saunders College Publishing.
  • Wilson, D. E. & Reeder, D. M., eds. (2005): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference, 3ª ed. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.
  • Yates, T. L. (1984): "Insectivores, elephant shrews, tree shrews, and dermopterans" en Anderson, S. & J. K. Jones, Jr., eds. Orders and Families of Recent Mammals of the World. New York: John Wiley and Sons, pp. 117–144.

Outros artigos

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician

Sorícidos: Brief Summary ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

A dos sorícidos (Soricidae) é unha familia de mamíferos placentarios da orde dos soricomorfos, que reúne numerosas especies coñecidas vulgarmente como musarañas, muraños, murgaños (ou morgaños), furaños e furafollas.

Son animais de pequeno tamaño que se encontran en todo o mundo, agás en Australia, Oceanía, as rexións mais próxiomas aos polos e na maior parte de Sudamérica, e que se caracterizan polos seus pequenos ollos e por presentaren un longo fociño con vibrisas (bigotes) moi sensíbeis.

Na súa forma e tamaño son similares aos ratos, pero non son roedores, senón que están emparentados coas toupas, aínda que recentemente suxeriuse que teñen unha relación xenética máis próxima cos ourizos. Durante moito tempo estiveron incluídos na hoxe desbotada orde dos insectívoros.

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician