O pato sombrío (Anas rubripes) é un parrulo norteamericano de tamaño grande. Os patos sombríos hibridan facilmente cos lavancos, cos que están tan relacionados que algúns estudosos mesmo consideran a esta especie unha forma escura do lavanco. De tódolos xeitos a validez da capacidade de formar híbridos para delimitar as especies do xénero Anas é hoxe posta en dúbida (Mank et al. 2004).
Os machos adultos teñen o bico amarelo, as patas alaranxadas e o corpo escuro, coa cabeza e o pescozo máis claros. Os ollos son escuros. O dimorfismo sexual nesta especie non é moi marcado, e as femias adultas son moi semellantes ós machos. Ámbolos dous sexos teñen un espello azul púrpura brillante, ó que lle falta a beira branca característica dos lavancos, ós que semellan na voz e o comportamento.
Crían en lagos, estanques ríos, pantanos e outras áreas acuáticas do leste de Canadá (Grandes Lagos incluídos, e mos montes Adirondacks, do noroeste dos Estados Unidos.
É unha especie parcialmente migradora, e moitos exemplares pasan o inverno no centro leste dos Estados Unidos, especialmente en áreas de costa; outros pasan o ano enteiro na rexión dos Grandes Lagos.
Ocasionalmente aparecen en Gran Bretaña, malia que moitos avistamentos puideran te-la súa orixe en exemplares fuxidos da catividade. Nas illas Británicas adoitan cruzarse cos lavancos.
No pasado o pato sombrío e o lavanco estiveron separados polas súas preferencias á hora de escolleren os hábitats: a especie máis escura dominaba as zonas acuáticas dos bosques de Norteamérica, mentres que os lavancos se espallaban por zonas máis abertas e iluminadas, nas praderías e lagos abertos. A deforestación do leste e as plantacións de árbores en zonas de chaira provocou a mestura das dúas especies e o incremento da hibridación ata chegar os altos niveles de arestora.(Johnsgard 1967). Os híbridos son difíciles de distinguir a simple vista, polo que non se coñece ben a dinámica dos cruzamentos. Estudios en catividade amosan que a hibridación segue a regra de Haldane, morrendo moitas femias híbridas antes chegaren á madureza sexual (Kirby et al. 2004).
Os patos sombríos obteñen o seu alimento en augas de pouca profundidade e pacendo na terra. A súa dieta componse basicamente de plantas, pero consomen tamén algúns moluscos e insectos acuáticos. Poñen entre 6 e 14 ovos de cor ante averdegada, que chocan durante uns 30 días.
O pato sombrío é unha peza de caza habitual, o que, malia non contarse aínda entre as especies ameazadas, está a provocar, xunta coa perda de hábitats, o lento declive da especie. Algúns coservacionistas sinalan tamén a hibridación e a competencia co lavanco como unha ameaza para a supervivencia da especie (Rhymer & Simberloff 1996, Rhymer 2006).
O pato sombrío (Anas rubripes) é un parrulo norteamericano de tamaño grande. Os patos sombríos hibridan facilmente cos lavancos, cos que están tan relacionados que algúns estudosos mesmo consideran a esta especie unha forma escura do lavanco. De tódolos xeitos a validez da capacidade de formar híbridos para delimitar as especies do xénero Anas é hoxe posta en dúbida (Mank et al. 2004).