Laticauda é un xénero de serpes mariñas velenosas da familia dos elápidos. Considérase xeralmente que pertencen á subfamilia Hydrophiinae, pero nalgunhas claasificacións sitúanse nunha familia propia, a Laticaudinae, da cal é o único xénero. Son de vida semiacuática e conservan as escamas ventrais anchas típicas das serpes terrestres para poder moverse en terra cando saen da auga, pero tamén teñen colas con forma de remo adaptadas para nadar mellor.[1] A diferenza do resto das serpes mariñas, que son completamente acuáticas e ovovivíparas (e poden reproducirse no mar), as Laticauda son ovíparas e deben ir a terra para poñer os ovos.[2] Tamén teñen orixes evolutivas independentes en hábitats acuáticos, xa que as Laticauda diverxeron máis cedo doutros elápidos de Australasia.[3][4] As Laticauda e o resto das serpes mariñas son un exemplo de converxencia evolutiva no hábitat acuático mariño. As Laticauda son tamén confundidas a miúdo coas Bungarus, que non son acuáticas.
As Laticauda son semiacuáticas, polo que teñen adaptacións morfolóxicas para poder vivir tanto no mar coma en terra. As súas especies mostran caracterísicas fenotípicas intermedias entre as do resto das serpes mariñas e os elápidos terrestres. Teñen unha cola aplanada verticalmente con forma de remo (igual que o resto das serpes mariñas) e orificios nasais situados lateralmente e escamas ventrais anchas expandidas lateralemente (similares ás dos elápidos terrestres).[1][5][6] Nos seus corpos teñen un debuxo a bandas claras e escuras, as escamas nasais están separadas por escamas internasais, e o óso maxilar esténdese cara adiante alén do óso palatino.[2] Os membros de Laticauda poden medrar ata os 1,5 m e longo.[7]
As especies de Laticauda viven nas illas do sur e sueste de Asia estendéndose desde a India no oeste, polo norte ata Xapón, e polo sueste ata Fixi. Atópanse fundamentalmente en augas costeiras. Viven arredor doa arrecifes de coral.[8]
Aliméntanse no océano, comendo principalmente moreas e congros, e algunhas luras, cangrexos e peixes. Nunca se observou que se alimentasen en terra.
As especies de Laticauda son a miúdo activas pola noite, que é cando prefiren cazar. Aínda que posúen un veleno moi tóxico, estas serpes son normalmente tímidas e solitarias e, en Nova Caledonia, onde se denominan tricot rayé ("xersei a raias"), os nenos xogan con elas. As trabadas son raras, pero deben ser tratadas inmediatamente. As trabadas ocorren principalmente en condicións de pouca luz (noite), e cando a serpe é collida bruscamente (por exemplo, se a agarran moi forte) cando está na auga, ou é sacada de súpeto fóra da auga. Cando están en terra, as trabadas son extremadamente raras.[9] As Laticauda semifasciata, en número de centos, forman alianzas para a caza cos peixes Mulloidichthys martinicus e Caranx melampygus, facendo saír as presas potenciais das estreitas fendas dos arrecifes da mesma maneira que fan algunhas moreas.[10][11] Poden facer inmersións de ata 80 m nunha soa expedición de caza.[12] Teñen a notable capacidade de gavear por rochas verticais dos seus hábitats costeiros de rocha calcaria.[1]
As femias de Laticauda son ovíparas, e volven a terra para aparearse e poñer os ovos. Varios machos forman unha bóla de apareamento arredor dunha femia, enroscando os seus corpos no que se denomina "ondas caudocefálicas". Aínda que estes animais poden aparecer en altas densidades en lugares axeitados, é moi raro atopar niños de ovos, o que suxire que deben encontrar condicións específicas para a nidificación.
Nalgunhas clasificacións distínguense cinco especies, pero actualmente recoñécense oito como válidas.[13][14]
As especies L. schistorhyncha e L. semifasciata foron situadas no xénero Pseudolaticauda por algúns autores.[16]
As serpes mariñas poden ter carrachas parasitas, que en ocasiósn producen grandes infestacións. Cómpre investigar como as adquiren e como respiran na auga estas carrachas.[17]
Laticauda é un xénero de serpes mariñas velenosas da familia dos elápidos. Considérase xeralmente que pertencen á subfamilia Hydrophiinae, pero nalgunhas claasificacións sitúanse nunha familia propia, a Laticaudinae, da cal é o único xénero. Son de vida semiacuática e conservan as escamas ventrais anchas típicas das serpes terrestres para poder moverse en terra cando saen da auga, pero tamén teñen colas con forma de remo adaptadas para nadar mellor. A diferenza do resto das serpes mariñas, que son completamente acuáticas e ovovivíparas (e poden reproducirse no mar), as Laticauda son ovíparas e deben ir a terra para poñer os ovos. Tamén teñen orixes evolutivas independentes en hábitats acuáticos, xa que as Laticauda diverxeron máis cedo doutros elápidos de Australasia. As Laticauda e o resto das serpes mariñas son un exemplo de converxencia evolutiva no hábitat acuático mariño. As Laticauda son tamén confundidas a miúdo coas Bungarus, que non son acuáticas.