O capudre[1][2] ou cancereixo[1][2][3] (Sorbus aucuparia) é unha árbore de tamaño mediano da familia das Rosáceas que raramente pasa dos 15 metros, a súa distribución cobre toda Europa, de Islandia a Rusia e a Península Ibérica, tolerante ao frío pódese atopar en altitudes altas. Os seus froitos, semellantes a cereixas, son doces e acedos a un tempo, cun alto contido en vitamina C.
A Real Academia Galega só recolle o nome de cancereixo. Porén, noutros dicionarios recóllese o termo "capudre", e variedades dialectais coma capudrio, vocábulo que parece derivar dunha raíz indoeuropea, posibelmente do celta: triu, treow (árbore). Nalgunhas zonas tamén recibe os nomes de canfreixo, escornabois e cornabude[2][4], pero hai que ter en conta que estes dous últimos son tamén nomes comúns doutras especies[5].
Arboriña caducifolia que acada os 15 m ou 20 m de altura. O toro é recto coa cortiza pardo cinsenta, gretada nos adultos. A copa é ampla de forma trasovada ou ovoide. As xemas son moi aveludadas. As follas dispóñense alternas ao longo das pólas, compostas e imparipinnadas, oblongas e de bordos serrados, presenta de 9 a 15 folíolos, cunhas dimensións de 2,5 a 6 cm, até 9 cm. As inflorescencias son hermafroditas e se producen en grandes corimbos terminais de 8 a 15 cm de diámetro con máis de 250 flores, cada unha derredor de 1 cm de diámetro con cinco pétalo branco-cremosos, que polinizan os insectos.
O froito, que chega entre setembro e outubro, é un pomo miúdo de entre 4 a 8 mm de diámetro, carnoso e de forma globosa de cor alaranxada brillante ou vermello coral, moi semellante á sorba mais do talle dunha cereixa; fican deica o inverno na árbore. Porén, existen tamén algunhas variedades rosadas, amarelas e albas entre as especies asiáticas. O froito é doce e acedo ao mesmo tempo, cun alto contido en vitamina C. Ademais son moles e zumarentos o que os fai doada comida para os paxaros, principalmente, o picoteiro (Bombycilla garrulus) e os merlos (coma a especie asiática Turdus dissimilis), que espallan posteriormente as sementes do cancereixo coas excrecións.
Os froitos do cancereixo empregáronse para a elaboración de marmeladas para combater o escorbuto, grazas ao seu contido en vitamina C, tres veces maior co das laranxas. Asemade descubriuse no século XIX que contiñan o azucre sorbitol, o que deu pé a súa obtención a partir de glicosa e a súa utilización na industria química para a fabricación de ácido ascórbico (vitamina C) ou coma humectante, estabilizante e adozante (E-420) en alimentos, cosméticos, produtos para diabéticos e goma de mascar. A partir da fermentación dos froitos prodúcese unha augardente que é a base do vodka dos países nórdicos.
A madeira, de gran dureza serviu para a realización de pezas expostas a un forte rozamento coma puntas de muíños ou fusos. Hai séculos, noutras zonas de Europa incluso chegou a substituír ao teixo na fabricación de arcos.
Tamén se emprega en xardinaría. Nalgúns países as follas eran empregadas para curtir. En Galicia e Asturias a madeira empregouse desde tempos ancestrais para protexerse dos feitizos das meigas.
Esténdese por toda Europa, dende Islandia até Rusia e a Península Ibérica. Atura ben o frío polo que adoita atoparse en altitude. En Galicia atópase nas montañas meridionais (Os Ancares, O Courel, Serra da Queixa, O Invernadeiro...), sendo máis escaso nas serras setentrionais.
Adoita aparecer illado nas carballeiras, bidueirais, faiais ou formando parte das fragas autóctonas europeas. Asóciase cos acivros e bidueiros. Normalmente medra nas abas frescas das montañas. Ascende até os 2000 m, preferindo os solos húmidos e con pouco cal.
É unha especie de importancia vital no mantemento das poboacións de animais en inverno ao serviren os seus froitos de alimento aos osos, raposos e outros animais, especialmente as aves coma os paporrubios, os tordos ou as pegas.
Tamén é empregado o cancereixo coma sustento das larvas dunha ampla gama de especies de lepidópteros.
Sorbus aucuparia foi descrita por Carl von Linné e publicouse en Species Plantarum 1: 477, no ano 1753.[6]
O capudre ou cancereixo (Sorbus aucuparia) é unha árbore de tamaño mediano da familia das Rosáceas que raramente pasa dos 15 metros, a súa distribución cobre toda Europa, de Islandia a Rusia e a Península Ibérica, tolerante ao frío pódese atopar en altitudes altas. Os seus froitos, semellantes a cereixas, son doces e acedos a un tempo, cun alto contido en vitamina C.