Salmonella bongori é unha especie de bacterias patóxenas, que hoxe en día é unha das dúas especies do xénero Salmonella (antes era considerada unha subespecie de Salmonella enterica, e denominábase Salmonella subsp. V ou S. enterica subsp. bongori). É un bacilo gramnegativo que causa unha enfermidade gastrointestinal, que orixina diarrea e cambras nalgúns animais, pero só en casos raros se informou que afectase a humanos. Considérase un microbio típico de animais de sangue "frío", a diferenza doutros membros do xénero, e a maioría das veces está asociada a réptiles.[1]
Foi descuberta en 1966 nun lagarto na cidade de Bongor, Chad, de onde recibiu o seu nome bongori.[2] Despois de décadas de controversia na nomenclatura do xénero Salmonella, S. bongori adquiriu o seu status de especie en 2005.[3]
S. bongori é considerada clasicamente como unha Salmonella de lagartos. Porén, algunhas investigacións contradín a noción de que esta especie ten unha especificidade de hóspede estrita, xa que hai informes da súa aparición en cans e aves.[4][5] Nos animais, a diferenza do que ocorre con infeccións por outras salmonelas, a infección pola especie bongori é xeralmente asintomática e non causa efectos discernibles, aínda que as infeccións en animais de compañía están asociadas con diarrea.[5]
Ademais, foron confirmadas infeccións en humanos, con informes concluíntes en Italia. A maioría destes casos producíronse en nenos de menos de tres anos, que son proclives a ter un contacto oral coas cousas que encontran, ás veces contaminadas con deposicións de animais. Os síntomas son diarrea con febre, e enterite aguda.[6] As primeiras observacións, procedentes de Mesina e Palermo, datan de finais de 1984, e foron seguidas de máis casos noutras cidades da illa de Sicilia.[5]
Orixinalmente S. bongori era considerada unha subespecie dentro do xénero Salmonella. Porén, os datos obtidos do grao de semellanza de ADNs dos membros do xénero Salmonella fixeron que actualmente estes fosen agrupados en só dúas especies, unha delas S. bongori e a outra S. enterica.[1] As especies de Salmonella están moi relacionadas con Escherichia coli e estímase que diverxiron dun devanceiro común hai ~100 millóns de anos; os seus xenomas aínda mostran unha semellanza significativa, e moita identidade funcional. Moitos dos xenes que son únicos de serovares de Salmonella, cando se comparan con E. coli, presentan grandes illas xenómicas características, como son as illas de patonenicidade de Salmonella (SPIs).[7] Entre as funcións específicas de Salmonella inclúense as de moitos xenes para a virulencia, que caracterizan as diverxencias entre S. enterica e S. bongori. Por exemplo, o xene SPI-2 que codifica os sistemas de secreción de tipo III presentes en S. enterica están ausentes en S. bongori.[8] Hai tamén unha indicación de que os determinantes de virulencia, especificamente as proteínas efectoras, están relacionadas máis estreitamente con E. coli enteropatoxénicas porque algúns dos xenes se perderon en S. enterica.[9]
Salmonella bongori é unha especie de bacterias patóxenas, que hoxe en día é unha das dúas especies do xénero Salmonella (antes era considerada unha subespecie de Salmonella enterica, e denominábase Salmonella subsp. V ou S. enterica subsp. bongori). É un bacilo gramnegativo que causa unha enfermidade gastrointestinal, que orixina diarrea e cambras nalgúns animais, pero só en casos raros se informou que afectase a humanos. Considérase un microbio típico de animais de sangue "frío", a diferenza doutros membros do xénero, e a maioría das veces está asociada a réptiles.
Foi descuberta en 1966 nun lagarto na cidade de Bongor, Chad, de onde recibiu o seu nome bongori. Despois de décadas de controversia na nomenclatura do xénero Salmonella, S. bongori adquiriu o seu status de especie en 2005.