A dos latimeríidos (Latimeriidae) é unha familia de peixes osteíctios da superclase dos sarcopterixios e orde dos celacantiformes, única da subclase dos actinistios que comprende numerosas especies fósiles e tan só dúas viventes do xénero Latimeria, coñecidos na bibliografía internacional como celacantos.[4][5][6][7]
Estes peixes á penas evolucionaron desde hai 350 milóns de anos e se asemellan a antepasados acuáticos dos vertebrados terrestres.
Teñen unha vexiga natatoria non funcional, chea de graxa, que pode ser un vestixio dun pulmón ancestral, e frecuentemente se lles deu o nome de fósiles viventes ou de elo perdido.
Teñen un corpo robusto, cuberto de escamas grandes, óseas imbricadas; a parte externa de cada escama está armnada con tubérculos duros con aspecto de dentes. A segunda aleta dorsal, a anal e as aletas pares son lobuladas, proxectado o corpo en pedúnculos musculares que conteñen unha serie de elementos esqueléticos cartilaxinosos; a aleta caudal é arredondada, cunha pequena proxección no centro cos raios articulados directamente ao extremo da notocorda. A primeira aleta dorsal aparece despregada en abano, sustentada por 8 raios óseos espiñentos.[8]
Case todo o esqueleto é cartilaxinoso; as vértebras son rudimentarias, e a medula espiñal está apoiada nunha grande notocorda, oca e de paredes grosas (precursor embrionario dos discos vertebrais de moitos peixes e outros vertebrados) que está chea de líquido. As espiñas neurais e hemais están osificadas e unidas directamente á notocorda. Non teñen costelas.
A vexiga natatoria está ben desenvolvida, estendéndose por toda a lonxitude da cavidade abdominal, e está chea de graxa.[8]
Os latimeriidos son ovovivíparos; as femias poñen de 19 a 59 ovos e unhas 5 crías vivas. Os ovos poden alcanzar un diámetro de 9 cm. No oviduto os xuvenís poden chegar a uns 33 cm de lonxitude total. Os adultos teñen unha lonxitude máxima de 1,8 m.
Viven en costas rochosas escarpadas, agochados en covas durante o día (a miúdo en grupos) e alimentándose, por separado, de peixes e cefalópodos, sobre substratos abertos, pola noite, a profundidades de entre os 180 e os 220 m, en augas a temperaturas de entre 16 e 23 °C.
Son lonxevos e de crecemento lento. Os seus principais inimigos aadoitan seren tiburóns grandes.[8]
Latimeria chalumnae distribuése nas augas costeiras de Suráfrica, Mozambique, Madagascar e as Comores. Recentemente descubriuse unha segunda especie, Latimeria menadoensis, en Indonesia.[8]
A familia foi descrita en 1940 polo xeógrafo e biólogo soviético Lev Semiónovich Berg.[2]
O nome Latimeriidae fórmase, como é habitual, sobre a raíz do nome do xénero tipo, neste caso Latimeria, engadíndolle a desinencia do latín científico -idae, propia dos nomes de familias de animais.
En canto Latimeria, deriva de miss Marjorie Courtenay-Latimer (1907–2004), traballadora no East London Museum, de East London, provicia do Cabo Oriental, Suráfrica, que, en 1938, chamou a atención de todo o mundo polo descubrimento do celacanto, peixe que se cría extinguido desde hai 65 millóns de anos.[9]
Familia Latimeriidae Berg, 1940
A dos latimeríidos (Latimeriidae) é unha familia de peixes osteíctios da superclase dos sarcopterixios e orde dos celacantiformes, única da subclase dos actinistios que comprende numerosas especies fósiles e tan só dúas viventes do xénero Latimeria, coñecidos na bibliografía internacional como celacantos.
Estes peixes á penas evolucionaron desde hai 350 milóns de anos e se asemellan a antepasados acuáticos dos vertebrados terrestres.
Teñen unha vexiga natatoria non funcional, chea de graxa, que pode ser un vestixio dun pulmón ancestral, e frecuentemente se lles deu o nome de fósiles viventes ou de elo perdido.