Lyopsetta exilis é unha especie de peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, suborde dos pleuronectoideos, familia dos pleuronéctidos e subfamilia dos liopsetinos, a única do xénero Lyopsetta.
Como todos os peixes da familia dos pleuronéctidos ten o corpo aplanado, asimétrico, e cos dous ollos situados no lado pigmentado do corpo.
Trfátase dun peixe mariño, demersal que habita nas costas do Pacífico leste, desde a desembocadura do río Alsek en Alasca, polo norte, até a illa Cedros, na Baixa California, México, a 425 km ao sur da cidade de Ensenada, polo sur.
O xénero foi descrito en 1885 polos naturalistas estadounidenses David Starr Jordan e David Kopp Goss.[2]
En canto á especie, describírona en 1880 o anteriormente citado Jordan e o ictiólogo, así mesmo estadounidense, Charles Henry Gilbert, baixo o nome de Hippoglossoides exilis.[3]
Ademais de polo nome orixinario, e polo actualmente aceptado, a especie foi coñecida tamén polo sinónimo Eopsetta exilis (Jordan & Gilbert, 1880).[3]
Pode alcanzar alé os 35 cm de lonxitude. A súa columna vertebral está formada por de 42 a 46 vértebras. A aleta dorsal está sustentada por de 72 a 78 raios, e a anal por de 57 a 65 raios. A aleta dorsal ten a súa orixe sobre a parte anterior do ollo superior. A aleta caudal é arredondada. As aletas peectorais son pequenas e estreitas.[4]
É un peixe mariño, batidemersal, que vive a profundidades de entre os 25 e os 800 m,[5] nas proximidades de zonas rochosas.[6]
Lyopsetta exilis distribúese pola costa leste do Pacífico, desde o suese de Alasca (desde a desembocadura do río Alsek) até o centro da Baixa California, polo que se encontra en Canadá, Estados Unidos (estados de Alasca, California, Oregón, e Washington) e México.[1][4]
A dieta de Lyopsetta exilis inclúe diversos organismos zoobentónicos: crustáceos como krill, misidáceos, anfípodos e camaróns, así como vermes e algúns pequenos peixes.[7]
Lyopsetta exilis é capturado pola industria da pesca comercial, e está considerado como un bo peixe para a alimentación humana, aínda que se consome en cantidades significativas debido ao seu pequeno tamaño.[1][7]
A poboación de Lyopsetta exilis considérase relativamente abundante, e estábel, en toda a súa área de distribución.[8]
Desde o ano 2010 a situación da especie está avaliada pola UICN como LC (pouco preocupante) debido á súa ampla área de distribución e á súa abundancia. E aínda que está sometida ás capturas por parte da industria pesqueira comercial, isto non se considera como unha grande ameaza para a conservación desta especie na actualidade. Porén, a comprobación continua dos seus niveis poboacionais é necesaria para garantir que, no futuro, non sexa necesrio incluíla nunha categoría de ameaza.[1]