A cadela [2][3] ou ameixa de can,[2] Scrobicularia plana, (da Costa 1778), é unha especie de molusco bivalvo da orde dos veneroides e familia dos semélidos, único representante, segundo o SIIT, do xénro Scrobicularia,[1] ou un dos dous que recoñece o WoRMS (a outra é Scrobicularia cottardi).[4]
As principais características morfolóxicas desta especie son:[2]
Ten unha cuncha fráxil, equivalva e case equilateral, de contorno ovalado, que polo xeral pasa dos 6,5 cm de diámetro (eixe maior), aínda que normalmente mide 4,5 cm.[5]
A superficie externa da cuncha presenta numerosos sucos concéntricos e irregulares, con liñas de crecemento difíciles de determinar. A valva dereita ten dous dentes cardinais pequenos, e a esquerda só un.
A coloración externa é gris, parda clara ou crema, co perióstraco escuro. O interior da cuncha é branco ou amarelado e deixa ver as pegadas dos músculos adutores e o seo paleal.
Comunmente habita nas costas de fondos areosos ou fangosos e nos estuarios do norte de Europa, o Mediterráneo e África occidental, onde vive entrerrada ata os 30 ou 40 cm de profundidade.[2]
Nalgunhas zonas chegou a ser moi abundante: nos anos 1930 rexistráronse concentracións de ata mais de 1 000 individuos por m2 no estuario do río Tamar (suroeste de Inglaterra),[6] e no do Gwyndraeth (País de Gales).[7]
O xénero Scrobicularia foi establecido en 1815 polo médico e naturalista alemán Schumacher, e comprende, para a maioría dos autores, unha soa especie, Scrobicularia plana, aínda que, como quedou dito, o WoRMS recoñece tamén outra, Scrobicularia cottardi (Payraudeau, 1826).[4]
A especie Scrobicularia plana fora descrita en 1778 polo naturalista británico da Costa co nome de Trigonella plana, dentro do xénero Trigonella por el descrito o mesmo ano (e que hoxe se identifica con Mactra, Linnaeus, 1767). Ao longo dos tempos foi reclasificada en numerosos xéneros e especies:[8]
Finalmente foi incluída no xénero Scrobicularia por Schumacher, e hoxe o seu nome válido é Scrobicularia plana, respectando a antigüidade da descrición de da Costa.
Tamén a clasificación da familia foi obxecto de discusión, xa que Scrobicularia plana estivo até hai pouco incluída na familia dos escroibicularíidos, Scrobiculariidae H. Adams & A. Adams, 1856, qiue hoxe se condidera un sinónimo de Semelidae.[9]
Aínda que ser é un molusco comestible, posúe un sabor a pementa que non o fai agradable (en inglés, Peppery furrow shell). Mesmo a captura é problemática xa que a cuncha adoita romper ó intentar extraerla da area.[2]
En Galicia é unha especie moi abundante, encontrándose en fondos de area fangosa na zona intermareal, en costas protexidas, ou en lagoas litorais, en todo o país.[5]
Ademais de por cadela e ameixa de can, coñécese popularmente polos nomes de cadela de frade e cadela de mar.[2]
A cadela ou ameixa de can, Scrobicularia plana, (da Costa 1778), é unha especie de molusco bivalvo da orde dos veneroides e familia dos semélidos, único representante, segundo o SIIT, do xénro Scrobicularia, ou un dos dous que recoñece o WoRMS (a outra é Scrobicularia cottardi).