O picafollas asubiador[2][3] (Phylloscopus sibilatrix) é un paseriforme común e moi espallado pertencente á familia Phylloscopidae (antes era considerado un Sylviidae), que se reproduce no norte e zona temperada de Europa, e no extremo oeste de Asia no sur dos Montes Urais. En Galicia é unha ave de paso rara.[3] O nome do xénero Phylloscopus procede do grego antigo phyllon, 'folla' e skopos, 'buscador' (de skopeo, 'ollar'). O nome específico sibilatrix procede do latín e significa 'asubiador'.[4]
Esta ave é fortemente migratoria e toda a poboación vai invernar á África tropical.
É un paxaro de bosques maduros abertos pero sombreados, como os de faias e carballos, con algúns terreos espallados cubertos para a nidificación. O niño ten forma de cúpula e sitúase a pouca altura nun matorral ou arbusto baixo e nel poñen 6 ou 7 ovos en maio; pode haber unha segunda posta. É insectívoro.
O picafollas asubiador mide de 11 a 12,5 cm de longo, e parécese a moitos sílvidos, é verde pola parte superior e branco pola inferior cun peito amarelo limón. Pode distinguirse de especies similares, como o picafollas europeo (P. collybita) e o picafollas musical (P. trochilus) polo seu supercilio gorxa e parte superior do peito amarelos, beiras das terciarias claras, unha proxección das primarias máis longa e unha cola máis curta pero máis ancha.
Varios factores asociados coa estrutura do bosque, incluíndo a pendente do terreo, cuberta forestal, proporción dos bosques caducifolios, altura do dosel e lonxitude do bordo do bosque, todos eles inflúen nas taxas de ocupación desta especie forestal en declive. Cómpren medidas de conservación que protexan e manteñan a estrutura forestal preferida por estes picafollas.[5] Teñen tamén unha preferencia polos bosques na estación non reprodutora; porén, ese hábitat está diminuíndo nas zonas de invernada como Ghana. Malia o declive dos hábitats forestais, non parece que cambiase nesas zonas o número de picafollas asubiador porque parece que a especie pode utilizar hábitats degradados, como granxas con bastantes árbores. Porén, unha maior perda de árbores probablemente terá un impacto negativo sobre esta especie no futuro.[6]
Ten dous tipos de cancións, a miúdo (pero non sempre) cantadas alternativamente; un trilo metálico fluído e agudo que aumenta o seu tempo e soa pit-pit-pitpitpitpt-t-t-ttt , que dura 2 ou 3 segundos, e unha serie de 3 a 5 notas piantes descendentes de ton baixo que soa piüü-piüü-piüü. A chamada de contacto é unha nota piante suave, similar ao segundo tipo de canción, pero máis curta e cantada soa, "piü".
O picafollas asubiador (Phylloscopus sibilatrix) é un paseriforme común e moi espallado pertencente á familia Phylloscopidae (antes era considerado un Sylviidae), que se reproduce no norte e zona temperada de Europa, e no extremo oeste de Asia no sur dos Montes Urais. En Galicia é unha ave de paso rara. O nome do xénero Phylloscopus procede do grego antigo phyllon, 'folla' e skopos, 'buscador' (de skopeo, 'ollar'). O nome específico sibilatrix procede do latín e significa 'asubiador'.
Esta ave é fortemente migratoria e toda a poboación vai invernar á África tropical.