Xiphidopicus percussus é unha especie de ave Piciforme ou peto, endémica de Cuba. É a única especie do xénero Xiphidiopicus.[1][2] É un peto relativamente pequeno cuxos hábitats naturais son os bosques secos e húmidos, terras baixas húmidas e antigos bosques moi degradados. Non se considera especie en perigo, xa que as súas poboacións se conservan ben.[3]
En grego xiphos significa 'espada', e idio é 'propio', e en latín picus é o nome que se lle dá á ave 'peto'; é dicir, o seu nome significa 'peto con espada'. O nome específico, percussus en latín deriva de percutir ou golpear. En canto aos nomes subespecíficos, insulaepinorum é 'de Illa de Pinos', monticola é 'do monte', gloriae é 'dedicado a Gloria', e cocoensis é 'de Cayo Coco'.
É común en toda Cuba, pero só é frecuente en áreas boscosas. Poden ser bosques secos, de piñeiros, semicaducifolios ou costeiros.
Miden uns 23 cm de longo (a femia lixeiramente máis cativa). As costas son verde oliva intensas e o peito e o ventre son amarelos con raias lonxitudinais escuras que no abdome se xuntan aos lados formando bandas negras. A cabeza é branca polos lados cunha banda negra detrás do ollo, e a coroa (que vai da fronte á caluga) no macho é vermella e na femia é raiada en negro e branco diante e vermella detrás. Na parte baixa da gorxa e na parte alta do peito teñen unha mancha vermella. O peteiro é azulado, o iris do ollo é vermello e as patas son gris-verdosas. Os inmaturos teñen o dorso máis opaco, a gorxa e peito alto negros e a coroa vermella.
Andan en bandos pequenos ou en parellas. Voan sonoramente a diferenza doutros petos cubanos. Peteiran os troncos, con golpes repenicantes. Procuran o seu alimento debaixo da codia e entre as pólas e follas sen baixaren nunca ao chan. Son moi activos e áxiles. Poden manterse nas árbores en posicións invertidas. Comen insectos, larvas e ras pequenas, e tamén pequenos froitos.[4][5]
Nidifican entre xaneiro e agosto. Fan os seus niños escavando en troncos de árbores mortos ou vivos, a máis de 2 metros do chan, un burato de entrada circular pequeno, afondando cara abaixo. En marzo poñen de 3 a 4 ovos brancos que miden 2,7 cm de longo por 2 cm de ancho. O son do voo é o sinal de cambio de quenda para que a parella que está incubando saia do niño e sexa relevada.
Xiphidopicus percussus é unha especie de ave Piciforme ou peto, endémica de Cuba. É a única especie do xénero Xiphidiopicus. É un peto relativamente pequeno cuxos hábitats naturais son os bosques secos e húmidos, terras baixas húmidas e antigos bosques moi degradados. Non se considera especie en perigo, xa que as súas poboacións se conservan ben.