dcsimg

Carqueixa ( Galego )

fornecido por wikipedia gl Galician

A carqueixa (Genista tridentata ou Chamaespartium tridentatum) é unha especie fanerógama arbustiva da familia das fabáceas, con moito ramallo, rastreiro, de flores amarelas, e cunha especie de alas características que percorren o talo e que forman en cada nó tres pequenos dentes. Atribúenselle moitas propiedades medicinais en Galicia. Tamén recibe o nome popular de lavacuncas.

Cómpre non confundila coa chamada carqueixa boieira (Halimium alyssoides), especie de diferente xénero.

Descrición

Gamallo carente de follas que pode acadar o metro de altura, inerme. Talos con aspecto artellado con divisións que semellan cotobelos, percorridos por dúas ás onduladas, coriáceas e ásperas ao tacto e rematados nunha estrutura dentada con dous nervios ben marcados. Flores curtamente pediceladas, reunidas en cimas terminais subcorimbosas, mestas. Cáliz moi tomentoso, co labio inferior máis longo. Corola pubescente, de cor amarelo-alaranxado; estandarte máis ou menos tomentoso na súa face dorsal. Dez estames, soldados. Legume de 9–14 mm, oblonga, pilosa, o que lle dá un certo brillo, e comprimida lateralmente. Sementes con estrofíolo. É unha planta moi pirófita, que torna a agromar de xeito doado tras os lumes. Florece dende finais do inverno e ao longo da primavera.[1]

Distribución e hábitat

Áchase na metade occidental da Península Ibérica e norte de Marrocos. A súa área peninsular abrangue desde Asturias, Cantabria até Andalucía occidental, incluíndo Portugal ambas as dúas Castelas e mais Estremadura. En Galicia é común en todo o territorio, sendo máis frecuente nas zonas cun clima con influencia mediterránea. Forma parte das matogueiras xunta especies coma estevas, uces (uceiras), toxos ou queiroas, así coma de formacións degradadas de cerquiño (Quercus pyrenaica), sobreiras ou piñeiros, sobre solos silíceos e pobres dende o nivel do mar até os 1.700 msnm . Non atura ben a aridez. En Marrocos medra en zonas baixas do Rif central silíceo.

Etimoloxía

O termo galego carqueixa, (antes carqueija[2]; en portugués carqueja, en leonés carquexa, en asturiano carqueixa ), por carecer de follas propiamente ditas, e ter unhas formacións semellantes á folla dun carballo, podería vir, o mesmo que os termos galegos cerquiño e cerqueira, da voz latina Quercus (carballo).

Subespecies

A variedade típica de carqueixa Genista tridentata subsp. tridentata procede de Portugal, e foi recolleita xunta Lisboa por Pehr Löfling, o discípulo de Linneo, na súa viaxe de 1751. A raza máis espallada, que ten os talos fértiles largamente alados, denominouse Genista tridentata subsp. cantabrica (Spach) Nyman. E finalmente, a carqueixa de flor pilosa que se ten denominado Genista tridentata subsp. lasiantha (Spach) Greuter.[3]

Importancia económica e cultural

Usos

É unha planta recoñecida en Galicia e todo o noroeste peninsular por ser moi medicinal[4], tamén na provincia de Zamora e en León. Atribúeselle propiedades diuréticas, emolientes, así como contra a tose, a reuma, a artrose, dores de barriga, arrefriados, e a gota. Xa frei Martín Sarmiento, grande estudoso da botánica e da lingua galega, no século XVIII, loaba o valor desta planta no seu libro Disertación sobre las virtudes maravillosas y uso de la planta llamada carqueixa.

Sarmiento agradecía a Deus que criase a carqueixa (daquela grafada coma carqueija) nesta terra (Galicia) [4]. Recomendaba as fretas e baños da súa cocedura nas pernas e pés, os riles. Baixa o inchazo dos pés e pernas facendo pediluvios. Tamén dicía que era útil para fregar a louza e o chan; para prender o lume, chamuscar o porco etc.

Tamén se ten empregado en infusión. O recendo é grato e o sabor nada repugnante. Para beber cócese coma o e bótaselle un chisco de azucre.

Sarmiento dicía que había unha variedade da planta, chamada carqueija boieira, que medra en lugares máis areentos e secos que a normal, a cal, despois de seca, usábase como combustíbel e tamén, por mor da aspereza das súas follas, como estropallo para limpar a louza:

Vai fregar os galedos,
barcais, barreños,
orgidais, valdes,
sellas e botejos:
os pratos e cuncas
de pau bidueiro
fregar con carqueijas
ou ben con codesos[5].

Cando a carqueixa está tenra, as ovellas consómena. Tense usado noutrora para estrume, e leito do gando. Nalgunhas comarcas, na matanza, despois de chamuscar o porco con palla para tirarlle as sedas, rozábase a pel a eito coa carqueixa para limpala.[6]

Información etnobotánica

Trátase dun vexetal moi coñecido a nivel popular, con numerosos refráns como o leonés a seguir, alegórico da súa relación fenolóxica co preñazo da loba:

Carqueixa brotada, lloba preñada. Carqueixa florida, lloba parida.

Bouza Brey [7] recolleu na ría de Arousa a seguinte cantiga:

  • Eu pedínchello a unha nena/ debaixo dunha carqueixa,/ eu pedínchello, eu dóuchomo/ e dela non teño queixa.

Notas

  1. Galán Cela, P.; Gamarra Gamarra R., García Viñas J.I. (1998). Árboles y Arbustos de la Península Ibérica e Islas Baleares. Madrid:Jaguar. ISBN 84-95537-50-8.
  2. Real Academia Galega (1913-1928): Diccionario gallego-castellano
  3. López, Ginés (2007). Guía de los árboles y arbustos de la Península Ibérica y Baleares (3ª ed.). Madrid:Mundi-Prensa. ISBN 10: 84-8476-312-9.
  4. 4,0 4,1 http://sli.uvigo.es/ddd/ddd_pescuda.php?pescuda=carqueixa&tipo_busca=lema
  5. Real Academia Galega (1913-1928): Diccionario gallego-castellano
  6. Oria de Rueda, J.A.; Diez J (2003). Guía de árboles y arbustos de Castilla y León. Palencia:Cálamo. ISBN 84-95018-46-2.
  7. BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Greuter, W. et al. (Eds.) (1989) Med-Checklist Vol. 4 (published)
  • Cristofolini, G. & Feoli, L. (1993) Personal Communication
  • Dominguez, E. (1987) Pap. in Flora Vasc. de Andalucia Occ. Ketres, Barcelona
  • Vicioso, C. (1953) Genisteas Espaniolas 1. Min. de Agric. Madrid No. 67
  • Heywood, V.H. & Ball, P.W. (1968) Leguminosae. In: Flora Europaea Vol. 2. ed. Tutin, T.G. et al.
  • Maire, R. (Quezel, P., Ed.) (1987) Flore de l'Afrique du Nord, Vol. 16. Dicots. Leguminosae,
licença
cc-by-sa-3.0
direitos autorais
Autores e editores de Wikipedia
original
visite a fonte
site do parceiro
wikipedia gl Galician

Carqueixa: Brief Summary ( Galego )

fornecido por wikipedia gl Galician

A carqueixa (Genista tridentata ou Chamaespartium tridentatum) é unha especie fanerógama arbustiva da familia das fabáceas, con moito ramallo, rastreiro, de flores amarelas, e cunha especie de alas características que percorren o talo e que forman en cada nó tres pequenos dentes. Atribúenselle moitas propiedades medicinais en Galicia. Tamén recibe o nome popular de lavacuncas.

Cómpre non confundila coa chamada carqueixa boieira (Halimium alyssoides), especie de diferente xénero.

licença
cc-by-sa-3.0
direitos autorais
Autores e editores de Wikipedia
original
visite a fonte
site do parceiro
wikipedia gl Galician