Pluvianus aegyptius é unha especie de ave limícola africana, único membro do xénero Pluvianus. Anteriormente estaba situada na familia Glareolidae, pero agora considérase que forma a familia monotípica Pluvianidae (pluviánidos).
A especie é unha das varias aves que foron dubidosamente asociadas coa ave mencionada na antigüidade co nome "trochilus", que se dicía que establecía unha suposta simbiose de limpeza co crocodilo do Nilo.
O adulto mide de 19 a 21 cm de lonxitude e ten unha coroa negra, unha máscara negra nos ollos e unha banda negra no peito. O resto da cabeza é branca. O resto da plumaxe da parte superior é gris azulada, e as partes inferiores son laranxas. As súas longas pernas son grises azuladas.
En voo a coroa e dorso negros contrastan co gris das partes superiores e as ás. As plumas remeiras son brancas brillantes cruzadas por unha banda negra. Visto desde abaixo, o paxaro en voo é totalmente branco, agás a barriga laranxa e a barra negra das ás. Unha vez toma terra, os membros dunha parella saúdanse erguendo as ás nunha elaborada cerimonia na que mostran ostensiblemente as súas marcas brancas e negras. Os sexos son similares, pero os xuvenís son de cores máis apagadas e as marcas negras están mesturadas con marrón.
Vive na África sbsahariana tropical. Reprodúcese en areais de ríos grandes.
Xeralmente é un paxaro moi manso que se encontra en parellas ou pequenos grupos preto da auga. Aliméntase de insectos. A súa chamada é un agudo krrr-krrr-krrr.
Pon dous ou tres ovos que non incuba directamente, senón que enterra en area quente, e o adulto controla que non sufran un exceso de temperatura sentando sobre os ovos coa súa barriga mollada en auga. Se o adulto deixa o niño, alisa a area sobre os ovos, aínda que se está asustado fai o traballo apresuradamente. Os polos son precoces e poden correr en canto eclosionan e poden alimentarse de seu pouco despois. Os adultos arrefrían os polos da mesma maneira que os ovos. Os polos poden beber a auga que molla as plumas da barriga dos adultos. Os adultos enterran os polos na area temporalmente se os ameaza algún perigo.
O paxaro é famoso polas súas supostas relacións simbióticas cos crocodilos. Segundo Heródoto, os crocodilos descansan nas ribeiras dos ríos coa boca aberta e un paxaro chamado "trochilus" voa ata as bocas dos crocodilos para alimentarse da carne en descomposición aloxada entre os seus dentes.[2] A identificación deste trochilus con algún paxaro determinado é difícil de facer e dubidosa, como a propia simbiose de limpeza; non existe evidencias fotográficas,[3] e os relatos escritos considéranse sospeitosos segundo o biólogo Thomas Howell.[4]
Pluvianus aegyptius é unha especie de ave limícola africana, único membro do xénero Pluvianus. Anteriormente estaba situada na familia Glareolidae, pero agora considérase que forma a familia monotípica Pluvianidae (pluviánidos).
A especie é unha das varias aves que foron dubidosamente asociadas coa ave mencionada na antigüidade co nome "trochilus", que se dicía que establecía unha suposta simbiose de limpeza co crocodilo do Nilo.