Sitta canadensis é unha especie de pequeno paxaro da familia dos sítidos. O adulto ten a parte superior gris azulada e partes inferiores cor canela, gorxa branca e cara cunha banda negra que cruza os ollos; o peteiro é recto e gris e a parte superior da cabeza é negra. A súa chamada, que foi comparada co son dunha trompeta, é estridente e nasal. Reprodúcese en bosques de coníferas de Canadá, Alasca e o nordés e oeste dos Estados Unidos. Aínda que xeralmente permanecen sedentarios, realizan incursións regulares máis ao sur se escasea a comida. Hai rexistros de individuos errantes que chegaron ao golfo de México e norte de México. Aliméntase nos troncos e grandes pólas das árbores, a miúdo descendendo cabeza abaixo, e ás veces capturan insectos en voo. Comen principalmente insectos e sementes, especialmente de coníferas. Escavan un niño en madeira morta, a miúdo preto do chan.
Como todos os gabeadores, esta especie está asignada ao xénero Sitta (Linnaeus, 1758), do antigo grego sittē (σίττη), que era a denominación que lle daban a este paxaro ou outros similares.[2] O nome específico canadensis indica que é propio de Canadá e zonas limítrofes, de onde procedía o espécime que se usou para describilo.[3]
No pasado o S. canadensis, xunto con outras catro especies, o S. whiteheadi corso, o S. villosa chinés, o S. ledanti de Alxeria e o S. krueperi ou gabeador de Krüper, pensábase que eran unha soa especie.[4] Estas cinco especies constituían un grupo de especies ben definido chamado "grupo de Sitta canadensis", que ás veces era considerado unha superespecie.[5] Os estudos de ADN neste grupo de especies mostraron que as especies canadense, corsa e chinesa constituían un clado, mentres que a especie de Alxeria e a de Krüper formaban un clado irmán.[6] S. canadensis é monotípico na súa extensa área de distribución.[5]
S. canadensis é un paseriforme pequeno, que mide uns 11 cm en lonxitude,[7][8] e ten unha envergadura alar de 22 cm e un peso de 9,9 g.[9] O seu dorso e parte superior da cola son azulados e as partes ventrais son de cor tella. Ten a parte superior da cabeza unha liña que atravesa os ollos negras e e unha liña superciliar branca. Os sexos teñen plumaxe similar, aínda que as femias e os individuos novos teñen cabezas e partes ventrais máis pálidas.[8]
A súa chamada é estridente, nasal e débil. Transcríbese como un ienk ou ink,[9] e foi comparado co son dunha trompetiña de lata de xoguete.[8][10] O seu canto é unha serie lentamente repetida de notas claras, nasais ascendentes, transcritas como iin iin iin.[9]
Aínda que é principalmente unha ave que reside todo o ano nos bosques do norte e subalpinos de coníferas, pode migrar regularmente facendo incursións máis ao sur, e tanto a cantidade de migrantes coma os lugares de invernada varían dun ano para outro.[8] Ás veces chegan ao norte de México, onde son visitantes invernais raros en Nuevo León, Baixa California Norte e polo sur ao longo da vertente do Pacífico ata Sinaloa.[11] No leste de Estados Unidos, a súa área está espallándose cara ao sur.[8] Aínda que antes era residente da illa Guadalupe, na costa oeste de México, agora parece que está extinguido alí, e o último rexistro coñecido desta especie na illa data de 1971. Hai un só rexistro dun individuo errante na illa mexicana de Socorro.[11] É unha ave errante extremadamente rara en Europa, con dous rexistros no oeste do Paleártico; unha destas aves pasou o inverno con éxito no leste de Inglaterra.[12]
Como todos os gabeadores, esta especie é acrobática, camiñando arriba e abaixo polos troncos das árbores e pólas procurando comida.[8] Pode camiñar coa cabeza por diante cando baixa polos troncos. Pode "camiñar" pola parte inferior das pólas. A diferenza dos petos e cértidos, non usa a súa cola para impulsarse cando gabea.[13] Adoita buscar comida en solitario ou en parellas.[11]
A súa dieta cambia dependendo da estación. No verán, come principalmente insectos, ocasionalmente incluso ao voo, mentres que en inverno, cambia a súa dieta e como sementes de coníferas.[14] Nos alimentadores de aves comen pipas de xirasol, manteiga de cacahuete e sebo. A miúdo incrusta cachos de comida nas gretas da codia das árbores para que queden suxeitas e poida abrilas peteirándoas (en vez de agarrar o alimento cos seus pés, como fan outras aves).
Como todos os gabeadores esta especie é monógama. O macho cortexa a femia cunha exhibición peculiar, elevando a súa cabeza e cola mentres que xira poñéndose de costas ante ela, inclina as ás e balancéase de lado a lado.
Esta ave escava o seu niño, que sitúa a uns 1,53–37 m por riba do chan (xeralmente a uns 4,6 m). A escavación fana ambos os sexos e lévalles dunha a oito semanas.[15] A parella unta arredor da entrada do niño zume elaborado que segrega a árbore, presumiblemente para axudar a disuadir os predadores.[13] O niño está forrado con herbas, musgos, cachos de codia e raiciñas. Aínda que na construción de niños colaboran os dous sexos, quen máis traballa é a femia.
A femia pon de 2 a 8 ovos (xeralmente 5 ou 6), que son brancos, con crema ou rosas e cubertos de pintas marróns avermelladas. Os ovos miden de 1,5 a 1,8 cm de longo e de 1,0 a 1,3%nbsp;cm de largo. A femia é a que choca os ovos durante 12 ou 13 días.[16] As crías son altriciais e permanecen no niño durante dúas ou tres semanas, e son alimentados polos dous sexos. Normalmente só hai unha niñada ao ano. A súa vida dura uns 6 anos.
Debido á súa ampla área de distribución global e crecente poboación, esta especie está clasificada como en situación Menos preocupante pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza.[1] Nas Américas, está protexido polo Tratado de Aves Migratorias de 1918.[17]
Sitta canadensis é unha especie de pequeno paxaro da familia dos sítidos. O adulto ten a parte superior gris azulada e partes inferiores cor canela, gorxa branca e cara cunha banda negra que cruza os ollos; o peteiro é recto e gris e a parte superior da cabeza é negra. A súa chamada, que foi comparada co son dunha trompeta, é estridente e nasal. Reprodúcese en bosques de coníferas de Canadá, Alasca e o nordés e oeste dos Estados Unidos. Aínda que xeralmente permanecen sedentarios, realizan incursións regulares máis ao sur se escasea a comida. Hai rexistros de individuos errantes que chegaron ao golfo de México e norte de México. Aliméntase nos troncos e grandes pólas das árbores, a miúdo descendendo cabeza abaixo, e ás veces capturan insectos en voo. Comen principalmente insectos e sementes, especialmente de coníferas. Escavan un niño en madeira morta, a miúdo preto do chan.