A Hyla arborea é unha pequena ra do xénero Hyla, da familia dos hílidos (Hylidae), duns 4,5 a 5 cm de lonxitude, cor verde, hábitos arborícolas e que se alimenta de insectos.
Pode verse en días húmidos e nubrados, porén, atinxe os niveis máximos de actividade durante a noite.
Historicamente as relas foron utilizadas como barómetros biolóxicos, debido ao feito de comezaren os machos a croar ao sentiren a proximidade da chuvia.
Esta ra é o representante por excelencia dos hílidos en Europa, distribuíndose pola Europa central e meridional (agás a península Ibérica), estendéndose polo leste até o Cáucaso e Asia occidental.
É un anfibio de pequeno tamaño, de non máis de 5 cm de lonxitude. Presenta un corpo ovalado, algo repoludo, coa cabeza ancha e os ollos grandes e prominentes, de iris dourado.
Facilmente recoñecíbel pola intensa cor verde brillante, aínda que, dependendo da subespecie, temperatura ou humidade relativa ou o seu contorno, a súa cor pode variar entre as tonalidades verde escura a verde intensa, pasando pola cincenta, parda e amarela, ás veces con manchas. Ao longo dos flancos presentan unhas liñas irregulares de cor que vai da parda á negra.
As súas extremidades son esveltas, e nas puntas dos dedos teñen ventosas, adaptadas aos seus hábitos gabeadores, que lles permiten agatuñar facilmente pola vexetación e manterse sobre as follas máis lustrosas, sendo este un dos caracteres que as separan das ras típicas, de fortes ancas traseiras adaptadas ao salto.
O macho presenta un gran saco vocal que infla debaixo da mandíbula ao realizar a súa chamada e desenvolve durante o período nupcial pequenas rugosidades no primeiro dedo das extremidades anteriores que lle axudarán a suxeitarse á femia durante o amplexo.
Vive en territorios con auga permanente, onde abunda a vexetación, nas marxes de pozas, lagoas ou ríos de correntes lentas. Frecuenta preferibelmente árbores, matogueiras e outras vexetacións densas que lle permitan agocharse, e que ademais estean próximas á auga.
É de actividade principalmente crepuscular e nocturna.
Presente nas zonas mediterráneas europeas, está amplamente distribuída por Europa, desde Ucraína e Belarús, até os Balcáns, Creta, Italia, Benelux e Francia.
Na península Ibérica substitúea a especie Hyla molleri, que anteriormente era considerada unha subespecie dentro de H. arborea.[2][3][4][5][6][7]
O período reprodutor desta ra comeza coa primavera, utilizando pozas ou ribeiras fluviais de augas doces e con abundante vexetación.
Os machos atraen as femias co seu potente canto, inchando o saco vocal que chega a adquirir un tamaño maior có da cabeza.
Coma no resto de especies de ras, o apareamento ten lugar unha vez que o macho consegue atraer unha femia coa súa chamada, e durante a noite. A femia deposita paquetes con ao redor de 1.000 ovos, que son fecundados externamente polo macho durante o denominado amplexo axilar.