Sitta azurea (xeralmente chamado gabeador azur) é unha especie de ave paseriforme da familia Sittidae, que vive en Indonesia e Malasia.
É un gabeador de tamaño mediano que mide 13,5 centímetros de lonxitude. A especie, que carece de dimorfismo sexual, ten unha peculiar coloración que o diferencia de calquera outro membro do seu xénero. Ten a cabeza negra ou azul anegrada e a as partes superiores do corpo case púrpuras con lumas azuladas. As ás están beireadas de negro. A gorxa e o peito son brancos ou dunha cor ante desgastada, que contrasta coas partes superiores e o ventre é dun azul moi escuro; as plumas son xeralmente claras, grises azuladas ou moradas.
A especie encóntrase na península de Malaca e Indonesia, e nas illas de Sumatra e Xava, onde habita nos bosques húmidos de terras baixas tropicais ou subtropicais e nos bosques de montaña húmidos tropicais ou subtropicais por encima de 900 m de altitude. A súa ecoloxía é pouco coñecida, pero aliméntase de pequenos invertebrados que encontra nas árbores; a reprodución ten lugar de abril a xuño ou xullo.
Distínguense tres subespecies: S. a. expectata, S. a. nigriventer e S. a. azurea, que varían principalmente na coloración dos seus mantos, peitos e ventres. Parecen ser parentes moi próximos de especies como S. frontalis, S. solangiae e S. oenochlamys. A poboación da especie non se estimou con precisión, pero parece estar libre do risco de extinción debido á amplitude da súa difusión. Foi clasificado como en situación «pouco preocupante» pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza.
O aspecto deste gabeador difire significativamente do de todos os demais. Os tres grupos taxonómicos da especie, a nomeada como S. azurra e as outras dúas subespecies, varían principalmente na coloración dos seus mantos, peitos e ventres. Todos son brancos e negros en xeral[2] —especialmente cando se observa en condicións de pouca luz na que a súa cor azul escura non é evidente— pero a súa plumaxe superior presenta marcados contrastes cobalto, azur e outros tons máis claros de azul, así como grises e morados. A cabeza é de cor negra ou azul anegrada cun amplo anel ocular azul pálido. As partes superiores son azuis escuras no manto ou púrpura nalgunhas subespecies. As plumas timoneiras (plumas de voo) son azuis pálidas no medio, cunha beira negra e contrastan fortemente coas áreas escuras da mitra. A gorxa e o peito son de cor branco, ou dun ante desgastado, sobre todo na subespecie S. a. nigriventer. O ventre e abdome son de tons negros e contrastan coas coberteiras grises azuladas ou de cor púrpura. O pico é de cor lavanda, lixeiramente tinguido de verde e negro na punta; as patas son azuis a grises pálidas e as garras son de cor lousa ou negro.[3][4]
Non hai dimorfismo sexual significativo, pero o ornitólogo xaponés Nagamichi Kuroda describiu que a femia ten partes superiores lixeiramente máis apagadas. Os individuos novos son similares aos adultos, mais co píleo e as coberteiras dos oídos máis opacas, dun ton marrón. O ventre ten coberteiras negras apagadas e as plumas subcaudais están variablemente beireadas de branco cremoso. O peteiro dos inmaturos é anegrado cunha base de cor rosa. Os adultos experimentan unha muda parcial antes da tempada de cría (de febreiro a marzo en S. a. expectata; de marzo a abril en S. a. azurea) que afecta a garganta, peito e manto; unha muda completa ten lugar despois da época de reprodución (de marzo a abril e agosto en Xava e en Malasia).[3]
A especie é de tamaño mediano en comparación con outros gabeadores, xa que chega a medir 13,5¬nbsp;cm de lonxitude. A á pregada mide de 75 a 83 mm nos machos e de 75 a 85 mm nas femias. A cola tiene de 41 a 45 mm nos machos e de 39,5 a 46 milímetros nas femias. As medidas do peteiro son de 16,1 a 17,6 mm de lonxitude, e a do tarso é de 15 a 18 mm. O peso non se coñece con certeza,[5] pero pode ser comparable ao de S. ledanti), que tamén mide 13,5 centímetros de longo e pesa entre 16,6 e 18 gramos.[6]
O único gabeador que comparte a súa área de distribución é S. frontalis, que cobre completamente a distribución do gabeador azur, pero estas dúas especies non se confunden doadamente.
Sitta azurea nigriventer (con partes superiores cor azul púrpura, coberteiras azuis e ventre cor ante).
Os gabeadores constitúen un xénero, Sitta,[7] que se caracterizan porque poden baixar polos troncos cabeza abaixo. A maioría dos gabeadores teñen partes superiores grises ou azuis e unha liña negra que atravesa os ollos.[8][9] O xénero pode ser dividido en sete subxéneros,[a] e S. azurea pertence a Poecilositta (Buturlin, 1916).[10]
O gabeador azur foi descrito por primeira vez en 1830 co seu actual nome binomial, Sitta azurea, polo naturalista francés René Primevère Lesson (1794-1849).[11][12] En 2006, o ornitólogo Edward C. Dickinson propuxo unha revisión do xénero Sitta, na cal certas especies serían clasificadas en xéneros separados baseándose nas súas características morfolóxicas distintas. Suxeriu como candidatos para esta separación S. frontalis e S. azurea, cuxa morfoloxía foi descrita como «a máis aberrante… a pesar dun trazo característico compartido (beiras brancas nas plumas das ás) con Sitta formosa», e ao facelo, isto, á súa vez, requeriría separalos tamén de S. formosa. Porén, afirmou que se debería facer un estudo molecular antes de calquera reclasificación.[13]
En 2014, Éric Pasquet et al publicou unha filoxenia baseada no exame de ADN nuclear e mitocondrial de 21 especies de gabeadores.[b] A posición do gabeador azur dentro do xénero non se estableceu con certeza, porque ten unha asociación estatística moi inferior a moitos outros no modelo. Porén, a especie parece mellor representada por un clado que comprende S. oenochlamys, e probablemente S. solangiae, a pesar de non formar parte do estudo do grupo mostra. Estes gabeadores asiáticos tropicais son clado irmán doutro que comprende o subxénero Sitta (Micrositta) —en ocasións chamado o grupo canadensis—, ademais de S. pusilla e S. pygmaea.
Segundo o Congreso Ornitolóxico Internacional e Alan P. Peterson,[14] existen tres subespecies:
O repertorio vocal do gabeador azur é bastante variado e é unha reminiscencia de S. frontalis e, en menor medida, do S. oenochlamys. De acordo con Birds of the World, as vocalizacións do gabeador azur son: un suave «tup» ou «tip», un abrupto «whit», un sibilante «sit» e un completo, resoante e enfático «chit»; cando está excitado emite uns «chit» e «sit» en ocasións en repeticións curtas e rápidas, «chi-chit, chit-chit-chit» ou «chir-ri-rit», que se poden estender nunha serie rápida que se acelera en trilos staccatos «tititititititik», ou incluso parecerse a un «tr-r-r-r-r-r-t». Tamén emite un agudo e chiante «zhe» e «zhe-zhe», e un nasal «snieu» ou «kneu»; a chamada de voo é un rumbante «chirr-u».[8]
Pódese escoitar esta ave en xeno-canto.
O gabeador azur é moi activo, frecuentemente vese voando en parellas,[20] en grupos máis grandes, ou nunha mestura de especies alimentándose en bandadas.[21] Aliméntase de invertebrados, dos cales algúns foron identificados como moi comúns na súa dieta, incluíndo especies de escaravellos (zoféridos), elatéridos, crisomélidos (da subfamilia Eumolpinae), arañas e eirugas.[22] Polo xeral, come sas súas presas na metade superior das árbores grandes, e ocasionamente en árbores máis pequenas.[21] Aínda que prefire escaravellar en troncos de árbores, o paxaro protexe as súas córneas de calquera codia e outros residuos mediante a contracción da pel espida arrededor dos ollos, unha adaptación, ao parecer, única da especie.[23]
A reprodución na especie non foi amplamente estudada. O niño fano nun oco pequeno dunha árbore onde pon de tres a catro ovos branco suxo con tons lavanda e densamente moteados de cor marrón avermellado e gris, que miden 19,3 x 13,4 mm. En Malaisia peninsular, observouse que os individuos chegan á madureza a finais de xuño; na illa de Xava, a época de reprodución lévase a cabo entre abril e xullo, e en Sumatra observouse un adulto alimentando as súas crías a principios de maio.[21]
Hai pouca información sobre os depredadores do gabeador azur, pero un espécime observouse en posición conxelada durante o paso dunha aguia Ictinaetus malayensis.[20]
Esta especie vive na península de Malaca (no extremo sur de Tailandia e o norte de Malasia) e en Indonesia nas illas de Sumatra e Java.[1][16] En Malasia, a especie foi observada en Bukit Larut, no estado de Perak, nas montañas Titiwangsa, no sur de Hulu Langat, no estado de Selangor, así como algunhas poboacións illadas nas abas do gran monte Benom no estado de Pahang, no monte Tahan situado na fronteira Pahang-Kelantan, no monte Rabong en Kelantan e no monte Padang no sultanato de Terengganu. En Sumatra, a ave encóntrase beireando a cordilleira de Barisan, e observouse nas terras altas de Gayo da provincia de Aceh, as terras altas de Batak do norte de Sumata, e no Dempo ao sur da illa.[21]
S. azurea encóntrase normalmente nas montañas, onde habita nos bosques húmidos tropicais ou subtropicais de terras baixas e os bosques de montaña húmidos tropicais ou subtropicais. En Malaisia, encóntrase desde os 1 070 m de altura ata o punto máis alto do país a 2 186&nbso;m de altura. En Sumatra, a especie distribúese nun rango altitudinal entre 900 m e 2 400 m de altura, e en Xava, entre 915&nbsop;m e 2 745 m. O ornitólogo John MacKinnon informou dun raro avistamento en altitudes máis baixas nas chairas de Xava.[21]
O gabeador azur é unha ave común en Sumatra, incluíndo a zona do Kerinci,[17] e relativamente común en Malasia e Xava.[21] Ten unha ampla área de distribución, achegándose a 361 000 km2 segundo BirdLife International. A poboación non se estimou con precisión pero considérase importante e en baixo risco, aínda que nalgunhas partes é probable estea en declive debido á destrución e fragmentación do seu hábitat.[24] A especie foi clasificada como en estado «menos preocupante» pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza.[1]
Sitta azurea (xeralmente chamado gabeador azur) é unha especie de ave paseriforme da familia Sittidae, que vive en Indonesia e Malasia.
É un gabeador de tamaño mediano que mide 13,5 centímetros de lonxitude. A especie, que carece de dimorfismo sexual, ten unha peculiar coloración que o diferencia de calquera outro membro do seu xénero. Ten a cabeza negra ou azul anegrada e a as partes superiores do corpo case púrpuras con lumas azuladas. As ás están beireadas de negro. A gorxa e o peito son brancos ou dunha cor ante desgastada, que contrasta coas partes superiores e o ventre é dun azul moi escuro; as plumas son xeralmente claras, grises azuladas ou moradas.
A especie encóntrase na península de Malaca e Indonesia, e nas illas de Sumatra e Xava, onde habita nos bosques húmidos de terras baixas tropicais ou subtropicais e nos bosques de montaña húmidos tropicais ou subtropicais por encima de 900 m de altitude. A súa ecoloxía é pouco coñecida, pero aliméntase de pequenos invertebrados que encontra nas árbores; a reprodución ten lugar de abril a xuño ou xullo.
Distínguense tres subespecies: S. a. expectata, S. a. nigriventer e S. a. azurea, que varían principalmente na coloración dos seus mantos, peitos e ventres. Parecen ser parentes moi próximos de especies como S. frontalis, S. solangiae e S. oenochlamys. A poboación da especie non se estimou con precisión, pero parece estar libre do risco de extinción debido á amplitude da súa difusión. Foi clasificado como en situación «pouco preocupante» pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza.