Os otáridos[2] (Otariidae) son unha das tres familias de mamíferos mariños pinnípedes. Comprende 15 especies vivas clasificadas en sete xéneros (outra especie extinguiuse na década de 1950) e denomínanse lobos mariños, leóns mariños ou otarias. Diferéncianse das focas (familia fócidos) en que teñen pequenas orellas e as aletas traseiras están xiradas para adiante, o que lles permite desprazarse ("andando") en terra máis axilmente que as focas. O seu nome procede do grego otarion que significa 'pequena orella'.[3] Os otáridos están adaptados a un estilo de vida semiacuático, alimentándose e migrando na auga, e reproducíndose e descansando na terra ou xeo. Viven desde zonas con temperaturas subpolares, a temperadas e ecuatoriais en augas do Pacífico e océanos do sur e Atlántico. Están ausentes do norte do Atlántico.
Phocidae (focas)
Otariidae Odobenidae Cladograma que mostra as relacións dos otarios con outros pinnípedos, combinando varias análises filoxenéticas.[4]Xunto cos Phocidae (focas) e Odobenidae (morsas), que son as outrras dúas familias de Pinnipedia, os Otаriidae descenden dun antepasado común que estaba relacionado cos osos.[5] Segue debaténdose se os fócidos diverxeron dos otáridos antes ou despois das morsas.
Os otáridos orixináronse no Mioceno (hai de 15 a 17 millóns de anos) no norte do Pacífico, diversificáronse rapidamente no hemisferio sur, onde viven agora a maioría das especies. O fósil máis antigo coñecido de otárido é Eotaria crypta do sur de California,[1] mentres que o xénero actual Callorhinus ten o rexistro fósil máis antigo de todos os otáridos vivos, porque xa vivía no Plioceno medio. Probablemente se orixinou a partir do xénero extinto Thalassoleon.
Tradicionalmente, os otáridos foron subdivididos nas subfamilias Arctocephalinae (xeralmente chamados lobos mariños) e Otariinae (leóns mariños), cuxa principal distinción era a presenza dunha grosa capa inferior de pelo suave nos primeiros. Baixo esta categorización, os Arctocephalinae comprendían dous xéneros: Callorhinus no Pacífico Norte cun só representante, o C. ursinus, e oito especies no hemisferio sur dentro do xénero Arctocephalus; mentres que os leóns mariños comprendían cinco especies en cinco xéneros.[6] Análises recentes de datos xenéticos indican que Callorhinus ursinus está de feito máis estreitamente relacionado con varias especies de leóns mariños.[7] Ademais, moitos dos Otariinae parecen ser máis distintos filoxeneticamente do que previamente se aceptaba; por exemplo, o león mariño xaponés Zalophus japonicus é agora considerado unha especie separada, en vez dunha subespecie do león mariño de California Zalophus californianus. Á luz destas probas, a división da subfamilia foi cambiada completamente e a familia Otariidae foi organizada en sete xéneros con 16 especies e dúas subespecies.[8][9] Non obstante, a causa de semellanzas morfolóxicas e de comportamento entre os trdicionalmente chamados "lobos mariños" (de densa e suave pelaxe) e "leóns mariños", estas denominacións permanecen como categorías útiles cando se discuten as diferenzas entre grupos de especies. Comparados cos leóns mariños, os lobos mariños son xeralmente menores, mostran un maior dimorfismo sexual, comen presas menores e fan viaxes máis longas para buscar alimento; e, finalmente, hai unha diferenza entre a pelaxe ruda e de pelo curto dos leóns mariños e a máis valiosa dos leóns mariños.
Os otáridos teñen proporcionalmente unhas aletas anteriores e uns músculos pectorais moito máis grandes que os fócidos, e teñen a capacidade de xiraren os membros inferiores cara adiante e así camiñaren sobre os catro membros, polo que manobran moito mellor en terra que as focas. Considéranse xeralmente menos adaptados ao estilo de vida acuático, xa que se aparean principalmente en terra e van a terra máis frecuentemente que as focas. Porén, poden alcanzar maiores picos de velocidade nadando e teñen maior manobrabilidade na auga. O seu poder natatorio deriva máis do uso das aletas que dos movementos sinuosos do corpo típicos de focas e morsas.
Os otáridos distínguense tamén por teren unha cabeza máis parecida á dun can, con caninos ben desenvolvidos e agudos, e teñen pequenas orellas externamente visibles. Os seus dentes poscaninos son xeralmene simples e de forma cónica. A fórmula dental da familia é: 3.1.4.1-32.1.4.1. Os leóns mariños están cubertos de pelos rudos, mentres que os lobos mariños de pelaxe fina teñen unha capa grosa inferior de pelos suaves, e outra superior, o que fixo que historicamente varias especies fosen cazadas comercialmente para obter as súas peles.
O tamaño dos otáridos machos vai desde 70 kg na especie máis pequena da familia e de todos os pinnípedes, Arctocephalus galapagoensis, a uns 1.000 kg no Eumetopias jubatus. Os machos maduros pesan de dúas a seis veces máis que as femias, e teñen cabezas, pescozos e peitos proporcionalmente meirandes, o que os fai as especies máis sexualmente dimórficas de todos os mamíferos.[10]
Todos os otáridos se reproducen en terra durante tempadas de apareamento ben definidas. Coa excepción do león mariño australiano Neophoca cinerea, que ten un atípico ciclo reprodutor de 17,5 meses, forman agregacións estritamente anuais nas praias areosas ou en zonas litorais de substratos rochosos, a miúdo en illas. Todas as especies son políxinas, é dicir, os machos dominantes aparéanse con varias femias. Na maioría das especies os machos chegan antes aos lugares de reprodución e establecen e manteñen territorios por medio de exhibicións vocais e visuais e loitas ocasionais. As femias normalmente chegan á costa aproximadamente un día antes de dar a luz (están preñadas do ano anterior). Aínda que se consideran animais sociais, non se establecen xerarquías ou status permanentes nas colonias. O grao no cal os machos controlan as femias ou os territorios varía coa especie. Así, Callorhinus ursinus e Otaria flavescens tenden a vixiar as femias asociadas a un harén específico, ás veces magoándoas, mentres que Eumetopias jubatus e Phocarctos hookeri controlan territorios espaciais, pero xeralmente non interfiren co movemento das femias, que poden pasar dun territorio a outro.
Os otáridos son carnívoros, alimentándose de peixes, luras e krill. Os leóns mariños tenden a alimentarse máis preto da costa en zonas de afloramento de correntes profundas, alimentándose de peixes máis grnades, mentres que os lobos mariños máis pequenos tenden a realizar viaxes máis longas mar adentro para procurar comida e poden subsistir comendo grandes cantidades de pequenas presas. Aliméntanse usando a vista para detectar as presas. Algunhas femias poden mergullarse a profundidades de ata 400 m.
Familia Otariidae
Aínda que as dúas subfamilias de otáridos, os Otariinae (leóns mariños) e os Arctocephalinae (lobos mariños), continúan usándose moito nas clasificacións, os recentes estudos moleculares demostraron que non son válidas.[13][14] Como alternativa suxírese dividilos en tres clados; un formado polos leóns mariños do norte (Eumetopias e Zalophus), outro co lobo mariño do norte (Callorhinus) e os seus parentes extintos, e o terceiro formado por todas as especies restantes do hemisferio sur.[15]
Os otáridos (Otariidae) son unha das tres familias de mamíferos mariños pinnípedes. Comprende 15 especies vivas clasificadas en sete xéneros (outra especie extinguiuse na década de 1950) e denomínanse lobos mariños, leóns mariños ou otarias. Diferéncianse das focas (familia fócidos) en que teñen pequenas orellas e as aletas traseiras están xiradas para adiante, o que lles permite desprazarse ("andando") en terra máis axilmente que as focas. O seu nome procede do grego otarion que significa 'pequena orella'. Os otáridos están adaptados a un estilo de vida semiacuático, alimentándose e migrando na auga, e reproducíndose e descansando na terra ou xeo. Viven desde zonas con temperaturas subpolares, a temperadas e ecuatoriais en augas do Pacífico e océanos do sur e Atlántico. Están ausentes do norte do Atlántico.