dcsimg

Galeopterus variegatus ( Galego )

fornecido por wikipedia gl Galician

Galeopterus variegatus (Audebert, 1799) é unha das dúas especies actuais da familia dos cinocefálidos, da orde dos dermópteros,[1][2] endémica do sueste asiático, encontrándose en Indochina (Vietnam, Laos e Camboxa), Tailandia, o leste de Myanmar, Malasia (península de Malaca, Sabah e Sarawak) e Indonesia (Sumatra, Borneo e o oeste da illa de Xava).[3][4][5]

Esta especie coñécese na bibliografía internacional cos nomes de galeopiteco, colugo e lémure voador (ou lémure voador malaio, para distinguilo da outra especie da familia, o lémure voador de Filipinas). A pesar deste último nome, non é un lémure; de feito, nin sequera é un primate. Porén, como os esquíos voadores, ou os morcegos cos que foi algunua vez clasificado, está equipado cunha membrana ou pataxio que lle permite facer voos planados.

Recentes estudos xenéticos recentes sitúana, porén, como próxima aos primates.

Taxonomía

Xénero

O xénero Galeopterus foi descrito en 1908 polo zoólogo inglés Oldfield Thomas, en Ann. Mag. Nat. Hist., ser. 8, 1: 252.[6]

Sinónimos

Etimoloxías

O nome xenérico, Galeopterus, está formado pola unión dos elementos do latín científico gale-, derivada do grego antigo γαλῆ galê, "donicela", "gata", e -pterus, tirada do grego antigo πτερόν pterón, "a", "ala", cun -o- de unión.[7] O epíteto específico, variegatus, está tirado do latín clásico variegātus, participio pasado de variegāre, "pintar de varias cores".[8] Literalmente: "a donicla con ás de varias cores".

Nomes vulgares

Colugo deriva de colugo, dunha lingua indo-malaia, quizais dunha lingua de Filipinas.[9]

Galeopiteco, nome empregado adoito na bibliografía internacional, é unha adaptación do nome do xénero Galopithecus Rüppell, 1842, o tipo da familia dos Galeopithecidae Gray, 1821, sinónimo de Cynocephalidae, cando se pensaba que estas animais formaban parte da orde dos Primates Linnaeus, 1758.[10]

Lémur voador vén do nome que lle deu Linneo á especie hoxe coñecida por Cynocephalus volans, próxima parente desta, Lemur volans,[11] xa que pensou que estaba emparentado cos verdadeiros lémures, é dicir, que era un prosimio. Este nome tirouno do latín clásico lemurēs, os espíritos dos mortos da mitoloxía romana.

Controversias taxonómicas

Até hai pouco tempo considerábase que as especies Galeopterus variegatus e Cynocephalus volans pertencían ao mesmo xénero (Cynocephalus), a aínda moitos autores pensan así.[4][5]

Por outra parte, Cabrera, en 1925, dá a Geoffroy como o autor do nome Galeopterus, en 1796.[Cómpre referencia] Porén, a lectura de Geoffroy indica que só usou o francés para os nomes comúns para esta especie nese ano. Desmarest, en 1820 apoiou esta interpretación. Ademais, Cabrera sinala a G. marmoratus (Temminck, 1829) como sinónimo de G. variegatus.[Cómpre referencia]. No aparece citada en Sherborn (1927, 1931), e tampouco en Temminck (1824-1841). Desmarest, incorrectamente, deu como localizacións de G. rufus e G. ternatensis a illa Palau e a de Ternate, respectivamente. Estes nomes son sinómimos de G. variegatus, xa que nas descricións de Desmarest parecen máis próximas a esta especie, e porque na súa lámina 22, figura 2, mostra un animal co rostro estreito, característico de G. variegatus. Chasen e Kloss, en 1929, describen G. variegatus terutaus e G. variegauts perhentianus como subespecies.[1]

Anatomía e bioloxía

 src=
Esqueleto de G. variegatus.
 src=
G. variegatatus ("forma vermella").
 src=
Dentes do maxilar inferior de G. variegatus.

Características

De tamaño aproximadamente como o dun gato, ten o esqueleto grácil, cos membros moi alongados, a cabeza pequena e a cola relativamente curta.

A súa pelaxe é de cor avermellada, máis ou menos monocroma, en contraste co do medio en que vive. Porén, na rexión dorsal, para facilitar a camuflaxe, presenta numerosas manchas brancas (ao que alude o seu nome específico).

Na súa pel existen glándulas sudoríparas e sebáceas, pero nunca forman agregados.[12]

O trazo máis sobresaliente da súa morfoloxía é unha gran membrana peluda ou membrana voadora, chamada pataxio, formada por pregaduras cutáneas aos lados do corpo, moito maior que ás dos esquíos e dos marsupiais voadores, que fai referencia ao nome de dermópteros da orde á que pertence.[12][13]

Esta membrana, que une o colo, cos membros anteriores e posteriores —incluíndo os dedos—, e os membros coa cola, está formada por dúas capas de pel con pelo. Grazas a ela, tanto desta especie coa a súa próxima parente Cynocephalus volans, as dúas únicas da orde) poden planar distancias máis longas que ningún outro mamífero, de xeito que, en base á súa capacidade para o desprazamento aéreo, estes animais foron considerados algunha vez, antigamente, como membros da orde dos quirópteros (morcegos).

Pero a súa estrutura anatómica indica, porén, que non existe unha relación próxima entres estas dúas ordes. As adaptacións e o modo de locomoción aérea, exclusivamente pasiva nos dermópteros, foron alcanzados independentemente por ambos os grupos, aínda que é posíbel que os morcegos atravesaran no curso da súa evolución por un estadio similar ao da presente estrutura dos dermópteros.[12]

As extremidades anteriores teñen unha gran mobilidade na articulación da cintura. O antebrazo é moito máis longo que o brazo. Ambas as patas, anteriores e posteriores, son pentadáctilas. Os dedos son longos e teñen garras afiadas.[12]

A súa fórmula dentaria é 2.1.2.3 / 2.1.2.3. Os incisivos inferiores están dirixidos cara a adiante, e son comprimidos. O bordo anterior de cada incisivo inferior ten sucos profundos, o que lle dá a aparencia de peite; estes serven, como nos lémures, para limpar a pel. A forma serrada dos incisivos superiores e dos molares e dos caninos está menos desenvolvida. Os molares superiores son esencialmente trituberculares, aínda que hai, porén, unha tendencia á formación de cúspides adicionais, que agrandan a superficie da coroa. No aparello dixestivo o estómago é simple, e o intestino presenta un cego grande. Está adaptado a unha dieta fitófaga.[12]

Os hemisferios cerebrais son pequenos, e presentan só lixeiras circunvolucións. Os centros olfactivos están moi desenvolvidos, e o sentido do olfacto parece ser o máis importante de todos.[12]

Os machos teñen os testículos contidos nun escroto. Teñen un baculum ou óso peneano. As femias teñen un útero bicorne, e cando quedan preñadas a súa placenta é discoidal. Teñen un par de mamas pectorais. Despois dun período de xestación de dous meses, a femia pare unha cría, ocasionalmente dúas. Os xoves cólganse do pelo da nai, que os transporta no abdome.[12]

Costumes, hábitat e distribución

Costumes

É un animal nocturno, e pasa a maior parte do día en ocos de árbores, onde dorme coa cabeza cara a arriba, ao contrario que os morcegos. Porén, algunhas veces dormen pendurados das ramas. Pasan a maior parte do seu tempo entre as árbores, e non lles gusta baixar ao solo, onde se moven moi torpemente.[12]

Para desprazárense, os galeopitecos lánzanse ao espazo desde as ramas altas cos membros separados e mantidos nun mesmo plano horizontal, quedando deste xeito despregado o pataxio. As femias saltan dunha árbore a outro, e incluso planean, levando á súa cría agarrada aos pelos do seu peito.

Hábitat

Habita nas selvas tropicais húmidas do sueste asiático.[12]

Distribución

Galeopterus variegatus distribúese desde Indochina, polo norte (incluíndo Vietnam, Laos e Camboxa) e, a través de Tailandia, Myanmar oriental e Malasia (a península Malaia, Sabah e Sarawak) chega polo sur até Indonesia (Kalimantan, Sumatra e Xava occidental.[14]

Estado de conservación

En 2008 a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) cualificou o status de Galeopithecus variegatus como LC (pouco preocupante), situación que mantén a día de hoxe (setembro de 2015), aínda que as súas poboacións estean diminuíndo debido á perda de hábitat, á posíbel competencia de Callosciurus notatus[15] e á caza tradicional en Xava e talvez noutros lugares. Necesítase máis información sobre a poboación, pero na actualidade crese que a taxa da súa caída probabelmente non é o suficientemente rápida como para situar a especie en calquera categoría que non sexa a de pouco preocupante.[3]

Notas

  1. 1,0 1,1 Galeopterus variegates (sic) en MSW.
  2. Cynocephalidae en MSW.
  3. 3,0 3,1 Galeopterus variegatus na Lista vermella da UICN.
  4. 4,0 4,1 Kowalski, Kazimierz (1981), p. 286.
  5. 5,0 5,1 Rodríguez de la Fuente, F. (1970), p. 27.
  6. Galeopterus en MSW.
  7. galeopterus Arquivado 22 de marzo de 2016 en Wayback Machine. en Animalia. Etymology of animal names.
  8. variegado no DRAE.
  9. colugo no Merriam-Webster Dictionary.
  10. Galeopithecidae Gray, 1821 en BioNames.
  11. Lemur volans en Linnaeus, the Binomial System, and Primates, na darwiniana.org
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 12,6 12,7 12,8 Kowalski, Kazimierz (1981), p. 285.
  13. Rodríguez de la Fuente, F. (1970), pp. 27-29.
  14. Galeopterus variegatus na Lista vermella da UICN.
  15. Un esquío da familia dos esciúridos que habita en Indonesia, Malaisia, Singapur e Tailandia.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Kowalski, Kazimierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
  • Rodríguez de la Fuente, F. (1970): "La jungla y los planeadores" en: Enciclopedia Salvat de la fauna. Tomo 7. Asia tropical (Región oriental). Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 17–36.
  • Vaughan, T. A. (1986): Mammalogy. Third Edition. Fort Worth, Texas, USA: Saunders College Publishing.
  • Wilson, D. E. & Reeder, D. M., eds. (2005): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference, 3ª ed. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.
  • Yates, T. L. (1984): "Insectivores, elephant shrews, tree shrews, and dermopterans" en Anderson, S. & J. K. Jones, Jr., eds. Orders and Families of Recent Mammals of the World. New York: John Wiley and Sons, pp. 117–144.

Outros artigos

licença
cc-by-sa-3.0
direitos autorais
Autores e editores de Wikipedia
original
visite a fonte
site do parceiro
wikipedia gl Galician

Galeopterus variegatus: Brief Summary ( Galego )

fornecido por wikipedia gl Galician

Galeopterus variegatus (Audebert, 1799) é unha das dúas especies actuais da familia dos cinocefálidos, da orde dos dermópteros, endémica do sueste asiático, encontrándose en Indochina (Vietnam, Laos e Camboxa), Tailandia, o leste de Myanmar, Malasia (península de Malaca, Sabah e Sarawak) e Indonesia (Sumatra, Borneo e o oeste da illa de Xava).

Esta especie coñécese na bibliografía internacional cos nomes de galeopiteco, colugo e lémure voador (ou lémure voador malaio, para distinguilo da outra especie da familia, o lémure voador de Filipinas). A pesar deste último nome, non é un lémure; de feito, nin sequera é un primate. Porén, como os esquíos voadores, ou os morcegos cos que foi algunua vez clasificado, está equipado cunha membrana ou pataxio que lle permite facer voos planados.

Recentes estudos xenéticos recentes sitúana, porén, como próxima aos primates.

licença
cc-by-sa-3.0
direitos autorais
Autores e editores de Wikipedia
original
visite a fonte
site do parceiro
wikipedia gl Galician