O éider real[2][3] (Somateria spectabilis) é un gran pato mariño que se reproduce ao longo das costas do Ártico do nordeste de Europa, Norteamérica e Asia. En Galicia é unha ave accidental.[3] Pasa a maior parte do ano en ecosistemas mariños costeiros nas latitudes altas e migra á tundra ártica para reproducirse en xuño e xullo. Pon de catro a sete ovos nun niño escarvado no chan forrado con herbas e penuxe.
Carl Linnaeus describiu por primeira vez esta especie en 1758 na 10ª edición da súa obra Systema Naturae, asignándoa ao xénenro Anas, xunto co resto dos patos.[4] En 1819, William Elford Leach trasladouno xunto cos outros éideres grandes ao xénero Somateria, onde permanece desde entón.[5] Está moi estreitamente relacionado con outros membros do seu xénero, e pode hibridarse co éider común.[6] Malia ter unha área de distribución moi ampla, é unha especie monotípica (sen subespecies).[4]
O nome do xénero, Somateria, é unha combinación das palabras gregas sōma, 'corpo', e erion 'la', é dicir, 'corpo lanoso', facendo referencia ao famoso penuxe espeso e suave do éider.[7] O nome específico spectabilis é a palabra latina que significa 'rechamante', 'salientable' ou 'digno de verse', pola elegancia da plumaxe do macho adulto.[7] O nome común, éider real, equivale exactamente co seu nome islandés.[8] Denomínase "real" porque a plumaxe do macho lembra a coroa e roupaxe dun rei.[7] "Éider" (ou "eider") deriva en última instancia do islandés æður,'éider', á súa vez derivada do Nórdico antigo æthr.[9]
É un pato grande, que mide de 50 a 70 cm de lonxitude cunha envergadura alar de 86 a 102 cm.[10] Os machos son, como media, máis pesados que as femias, cun peso medio de 1 668 kg nos machos e 1 56 kg nas femias.[11] A masa dun individuo pode variar considerablemente dunha estación a outra, desde só 0,9 kg ata 2,2 kg.[12] Como todos os éideres, a especie presenta dimorfismo sexual; o macho é lixeiramente meirande[13] e, en plumaxe reprodutora, é moito máis colorido que a femia.[12] O macho é inconfundible co seu corpo principalmente negro, peito branco con tons beixes e cabeza de múltiples cores. A cabeza, caluga e pescozo son grises azulados claros. A meixela é gris clara. O bico, que está separado da face por unha delgada liña negra, é vermello cunha punta branca e unha grande e distintiva protuberancia amarela. Algunhas terciarias están curvadas cara arriba e forman unha especie de "esporóns" ao longo do dorso.[14]
A femia[15] é en conxunto de cor marrón cálido, lixeiramente máis claro na cabeza e no pescozo. As plumas nas súas partes superiores e flancos están marcadas con chevróns anegrados, mentres que os do seu pescozo e cabeza levan finas liñas negras. Ten unha mancha beixe na base do bico e un anel ocular beixe que se estende facendo unha banda curva cara atrás detrás do ollo.[10] O bico da femia foi descrito como negro[16] ou gris, e as súas patas e pés son grises verdosos.[10]
Os exemplares novos son marróns agrisados. A finais do seu primeiro outono, os machos novos mudan nunha plumaxe máis escura, con peito e mitra brancos; tardan tres anos en adoptar a plumaxe completa de adulto.[10]
O éider real é unha especie circumpolar do Ártico.[17] Reprodúcese nas costas do Ártico de Alasca, Canadá, Groenlandia, Svalbard e Rusia, utilizando diversos hábitats de tundra.[10] Inverna nas áreas mariñas do ártico e subártico, principalmente no mar de Bering, a costa oeste de Groenlandia, leste do Canadá e norte de Noruega. As aves invernantes poden formar grandes bandadas en augas costeiras axeitadas, e algúnhas delas constan de máis de 100 000 exemplares. Tamén aparece anualmente fronte ás costas do nordeste dos Estados Unidos, Escocia e Kamchatka.
As estratexias de alimentación do éider real cambian dependendo da estación. Durante a maior parte do ano, vive no mar, onde se mergulla para comer invertebrados bentónicos. Durante a estación reprodutora, a maior parte da súa busca de alimento realízaa en lagos e lagoas de auga doce, a onde fai incursións, alimentándose principalmente de pequenos invertebrados recollidos na superficie da auga.[18] Aliméntase de moluscos, crustáceos como cangrexos reais e ourizos de mar, estrelas de mar e anemones.
A femia constrúe un niño escarvando no chan, xeralmente preto da auga. Fórrao con vexetación e penuxe do seu propio corpo. Pon de 2 a 7 ovos, que só ela choca durante 22 ou 23 días.[19] As crías cóidanas as femias colectivamente.[14]
A canción do macho é unha especie de arrolo de pomba trémulo transcrito como croo-croo-croo[20] ou hoo-hoo-hooo.[10] A femia fai diversos cacarexos baixos[10] e gruñidos.[20]
O éider real máis vello coñecido era unha femia que viviu polo menos 18 anos e 11 meses. Era unha ave que fora anelada cando era xa adulta ao sur de Gambell, Alasca en 1940, que foi cazada en 1958 en Utqiagvik, Alasca.[21]
Debido á súa gran poboación e vasta área de distribución, o éider real está considerado como "especie pouco preocupante" pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza.[1] O éider real é unha das especies ás que se aplica o Acordo sobre a Conservación de Aves Acuáticas Migratorias Africano-euroasiático (AEWA).
Os ovos e crías de éider real teñen moitos predadores, como a gaivota hiperbórea, o corvo grande, a palleira parasita e o raposo ártico.[22]
O éider real (Somateria spectabilis) é un gran pato mariño que se reproduce ao longo das costas do Ártico do nordeste de Europa, Norteamérica e Asia. En Galicia é unha ave accidental. Pasa a maior parte do ano en ecosistemas mariños costeiros nas latitudes altas e migra á tundra ártica para reproducirse en xuño e xullo. Pon de catro a sete ovos nun niño escarvado no chan forrado con herbas e penuxe.