Lumbricus terrestris[1] é unha especie de miñoca (anélido oligoqueto terrestre) de cor avermellada da familia dos lumbrícidos típica de Europa, pero actualmente estendida por todo o mundo debido ás introducións favorecidas polos humanos. Na maior parte de Europa é a especie de miñoca de maior lonxitude, xa que a súa lonxitude media está entre 20 e 25 cm, pero pode ser meirande, e en diámetro non adoita chegar a 1 cm. Non é a única especie de anélido que recibe o nome de miñoca, pero é a miñoca máis coñecida popularmente, porque debido aos seus hábitos de saír á superficie a alimentarse ou copular é a máis facilmente visible en xardíns e terreos agrícolas de climas temperados, aínda que non é a máis abundante. Ademais, é o exemplo típico de anélido que se estuda nos libros escolares da maior parte do mundo.
O seu corpo está segmentado en aneis, xeralmente 110-160. A súa parte ventral é aplanada. Os aneis 31-37 producen unha secreción que forma un engrosamento do corpo, chamado clitelo, que intervén na reprodución formando un casulo para os ovos. A cor do corpo é rosa ou avermellada, máis castaño avermellado na parte dorsal e máis amarelento na ventral. As sedas ou quetas que presenta no seu corpo están dispostas de forma apareada a ambos os lados do seu corpo. Un extremo do seu corpo, onde ten a boca, é bicudo, e o oposto é avultado.
Un nome común moi usado para esta especie é o de miñoca[2], pero téñase en conta que se lle chama así a outros oligoquetos de aspecto similar, e mesmo a poliquetos de mar como Arenicola marina. Hai tamén a variante mioca. Outro nome para o L. terrestris é lombriga, denominación que tamén se usa para o nematodo parasito intestinal Ascaris lumbricoides.[3]
Vive en terreos húmidos. Ten o hábito de enterrarse en túneles temporais profundos e saír á superficie a alimentarse, a diferenza da maioría das outras especies de miñocas, que se alimentan baixo terra. Un raro hábito desta especie é empuxar follas á entrada dos seus túneles, onde apodrecen e despois come os restos. En xeral aliméntase de materia orgánica en descomposición, esencialmente de restos vexetais mesturados coa terra, pero tamén foi observada alimentándose de restos de insectos e feces. Polos seus hábitos de formar túneles é moi importante para a aireación e mestura dos solos e formación do humus.
A duración da vida de L. terrestris crese que está entre os 4 e os 8 anos, e en catividade sábese dalgúns exemplares que chegaron a vivir seis anos. É hermafrodita, aínda que na reprodución interveñen dous individuos. Cada individuo recibe seme do outro, que almacena nun receptáculo seminal, e ambos forman os seus propios ovos, pero estes non se fecundan inmediatamente. Despois, a zona engrosada do corpo chamada clitelo produce un casulo mucoso con forma de cinto no que cada individuo deposita os seus ovos e o esperma recibido do outro individuo; neste casulo ten lugar a fecundación do ovo, polo que esta é externa. Finalmente abandona na terra o casulo cos ovos fecundados.
En partes das Illas británicas L. terrestris está sendo depredado por turbelarios introducidos polo home como Arthurdendyus triangulatus ou Australoplana sanguinea, orixinarios de Nova Zelandia e Australia. Isto está acabando con estas miñocas nesas áreas, o que ten un efecto prexudicial para o mantemento da estrutura e calidade dos solos, que as miñocas favorecían. Porén, noutras áreas do mundo o propio L. terrestris é unha especie invasora, como ocorre en parte de Norteamérica.[4][5][6][7]
Lumbricus terrestris é unha especie de miñoca (anélido oligoqueto terrestre) de cor avermellada da familia dos lumbrícidos típica de Europa, pero actualmente estendida por todo o mundo debido ás introducións favorecidas polos humanos. Na maior parte de Europa é a especie de miñoca de maior lonxitude, xa que a súa lonxitude media está entre 20 e 25 cm, pero pode ser meirande, e en diámetro non adoita chegar a 1 cm. Non é a única especie de anélido que recibe o nome de miñoca, pero é a miñoca máis coñecida popularmente, porque debido aos seus hábitos de saír á superficie a alimentarse ou copular é a máis facilmente visible en xardíns e terreos agrícolas de climas temperados, aínda que non é a máis abundante. Ademais, é o exemplo típico de anélido que se estuda nos libros escolares da maior parte do mundo.
O seu corpo está segmentado en aneis, xeralmente 110-160. A súa parte ventral é aplanada. Os aneis 31-37 producen unha secreción que forma un engrosamento do corpo, chamado clitelo, que intervén na reprodución formando un casulo para os ovos. A cor do corpo é rosa ou avermellada, máis castaño avermellado na parte dorsal e máis amarelento na ventral. As sedas ou quetas que presenta no seu corpo están dispostas de forma apareada a ambos os lados do seu corpo. Un extremo do seu corpo, onde ten a boca, é bicudo, e o oposto é avultado.